As FARC anuncian un cesamento ao fogo unilateral cando se incian oficialmente as negociacións cara á paz

As FARC anuncian un cesamento ao fogo unilateral cando se incian oficialmente as negociacións cara á paz
Juan Carlos Pinzón, ministro de Defensa colombiano
Juan Carlos Pinzón, ministro de Defensa colombiano  TeleSur
O voceiro das FARC en Cuba, Iván Márquez, anunciou esta segunda feira un cesamento ao fogo unilateral até o vindeiro 20 de xaneiro.

Malia paralizaren as operacións militares após anunciaren o inicio das conversas co goberno de Colombia, o voceiro das FARC no proceso de negociación e número dous da organización, Iván Márquez, anunciou a pasada segunda feira a declaración feita pola dirección ás unidades guerrilleiras de todo o territorio nacional, pola que ordenaban "a suspensión das operacións militares ofensivas contra a forza pública e os actos de sabotaxe da infraestrutura pública ou privada", aseguraba Iván Márquez en comparecencia pública desde a cidade da Habana, onde se desenvolven os diálogos cara á paz. A tregua rematará o 20 de xaneiro de 2013 e encamíñase a amosar a vontade da organización armada de "xerar un ambiente político propicio para o avanzo das conversas, para alcanzar o compromiso de acordar un verdadeiro tratado de paz que poña fin ao conflito social e armado", asegurou no seu comunicado a guerrilla.

As FARC aseguran que a tregua reflicten a súa vontade de xerar un ambiente propicio para o avanzo das conversas

O goberno de Juan Manuel Santos continuará coas operacións militares

No entanto, o goberno colombiano anunciara antes de partir cara á Cuba que "non haberá concesións militares, nin cesamento do fogo, nin zonas desmilitarizadas", afirmou Humberto de la Calle, membro da delegación gobernamental, quen asemade se amosou firme nos posicionamentos que o executivo colombiano manterá nas negociacións. Aliás, após o cesamento ao fogo declarado polas FARC, o ministro de Defensa colombiano, Juan Carlos Pinzón, adiantou que as forzas militares do país continuarán desenvolvendo operacións militares, asegurando que "é un deber constitucional" para o exército "perseguir a todos aqueles criminais que cometeran delitos", insistiu o representante do executivo de Juan Manuel Santos, quen aclarou, asemade, que as forzas armadas colombianas tiñan "ordes claras do presidente".

O goberno colombiano asegura que continuarán desenvolvendo operacións militares malia o anuncio das FARC

Porén, numerosas organizacións colombianas, saudaron o anuncio das FARC. Neste sentido, a ex-senadora e activista de Colombianas e Colombianos pola Paz, Piedad Córdoba, amosouse "moi satisfeita e feliz pola mostra de boa vontade das FARC-EP" e asegurou que a tregua recolle o sentimento de moitas organizacións colombianas a prol da paz.

(Re)inicio das negociacións
A pasada segunda feira, as delegacións das FARC e do goberno de Colombia iniciaron oficialmente na Habana a segunda fase das negociacións de paz. As roldas de diálogo durarán 10 días e procurarán avanzar nas conversos arredor da axenda marcada inicialmente. Entre os asuntos que cómpre tratar, a cuestión agrícola segue a ser a máis controvertida, porén a máis importante para as FARC-EP, que defenden a necesidade dun outro réxime de propiedade da terra e dun modelo de desenvolvemento produtivo que rache co 70% de pobreza padecido no país --máis de 30 millóns de persoas empobrecidas; 12 millóns na indixencia. No entanto, o goberno de Juan Manuel Santos asegurou inicialmente que o executivo colombiano non ía negociar o modelo de desenvolvemento do país.
Asemade, debaterán sobre a garantía do exercicio da oposición política da organización armada, a participación cidadá no fin do conflito ou a forma en que este rematará.