PRIMEIRA XORNADA DO XUÍZO AO PROCÉS

As letradas e letrados critican a falta de imparcialidade dos maxistrados

As letradas e letrados critican a falta de imparcialidade dos maxistrados
[Imaxe: Nacio Digital/Marti Juanola] Concentración na Praza de Catalunya (Barcelona)
[Imaxe: Nacio Digital/Marti Juanola] Concentración na Praza de Catalunya (Barcelona)  

A primeira sesión do xuízo ao procés soberanista catalán acolleu todas as intervencións dos avogados nas cuestións previas. As letradas e os letrados centraron os seus discursos en denunciar as vulneracións de dereitos que se produciron, en reclamar as probas e testemuñas que o tribunal se negou a aceptar inicialmente e en cuestionar a imparcialidade dos maxistrados.


Concluíu a primeira xornada do xuízo histórico ás políticas e políticos e activistas cataláns. No banco sentaban nove membros do anterior Govern –Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carles Mundó, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Meritxell Borràs e Santi Vila–; os máximos dirixentes da ANC e Òmnium Cultural durante o referendo –Jordi Sánchez e Jordi Cuixart– e a presidenta del Parlament na anterior lexislatura, Carmen Forcadell.

Nesta primeira xornada puxéronse sobre a mesa tres momentos chave: os feitos do 20 e 21 de setembro perante a Consellaría de Economía –que xustifican o tumulto co que se sustentaría a acusación contra os Jordis–; a propia xornada do 1 de outubro –día do referendo– e a proclamación da República no Parlament.

A principal acusación que recae sobre as presas e presos políticos é a de rebelión, co agravante de malversación

A principal acusación que recae sobre as presas e presos políticos é a de rebelión, co agravante de malversación. A Fiscalía aplícalles, neste caso, os artigos 472.1 e 473.1 do Código Penal, que se refire á rebelión sen armas nin combate. Junqueras, para o que piden 25 anos de cadea, é considerado o líder da trama. A Cuixart e Forcadell pídenlles 17 anos de cadea e outros 17 de inhabilitación. Turull, Romeva, Forn, Rull e Bassa enfróntanse a 16 años de prisión e Mundó, Borràs e Vila, a sete anos de prisión por malversación e desobediencia grave, á parte dunha multa de perto de 30.000 euros. A Avogacía do Estado, por outro lado, acúsaos de sedición, mentres que a acusación popular de Vox estipula nos límites más altos o delito de rebelión.

Maxistrados que defenden “a unidade de España”

Nesta primeira sesión, na que estivo presente o president da Generalitat Quim Torra, interviñeron as avogadas e os avogados das 12 acusadas e acusados. Perante o tribunal presidido por Manuel Marchena, as letradas e letrados afanáronse en evidenciar a vulneración de dereitos acometida e en apuntar que os maxistrados carecen de parcialidade. “Teño a sensación de que aquí se trata de facer ver que os maxistrados están para defender a unidade de España”, afirmaba o avogado de Jordi Sánchez e de Josep Rull, Jordi Pina. “Pídolles que fagan de xuíces e non de salvadores da patria”, engadía Pina.

Sobre Marchena, Pina fixo alusión á polémica xerada polo whatsapp do senador Ignacio Cosidó no que alardeaba de que se este maxistrado era elixido presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial podería controlar a Sala do Pena do Tribunal Supremo “desde detrás”. Salientaba ademais que catro dos sete membros do tribunal que xulga as e os cataláns están “contaminados”, porque foron quen admitiron a trámite a querela presentada pola Fiscalía Xeral do Estado contra o Goberno de Carles Puigdemont, a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell, e cinco ex membros da Mesa que iniciou a causa.

“Unha derrota colectiva da sociedade española”

O avogado de Jordi Cuixart, Benet Salellas, advertía, “a xulgar quen exerce dereitos fundamentais, póñense en cuestión e en perigo estes dereitos fundamentais. Este xuízo é unha derrota colectiva da sociedade española e non debería comezar así”. Durante a súa intervención, o letrado do presidente de Òmnium Cultural inquiría os maxistrados, “A unidade territorial xustifica sacrificar dereitos fundamentais?”. A resposta dábaa el mesmo ao afirmar que “non existe un dereito fundamental á unidade territorial”. Criticaba, ademais, a decisión “restritiva” de limitar as testemuñas solicitadas, así como as probas periciais.

O defensor de Joaquim Forn, Xavier Melero, complementou a argumentación de Andreu Van den Eynde –letrado de Oriol Junqueras e Raül Romeva– e pediu ampliar a testifical que formulou inicialmente, coa presenza do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido. O caso de Forn, lembrou, é diferente ao do resto, ao acusárselle de “dominar a forza policial” durante as xornadas do 20 e 21 de setembro e do 1 de outubro, tal e como sinala o Ministerio Fiscal.

A avogada de Forcadell: "Declarar a independencia non é delito"

Olga Arderiu, avogada de Carme Focardell, afirmou que a presidenta non participou da “organización do referendo do 1 de outubro, aínda que declarar a independencia non é delito”. A letrada denunciou que o Constitucional “intentou que a mesa censure o debate parlamentar”. En relación ás probas, criticou que se admitiran atestados nos que se detallan chíos das redes sociais e declaracións de Forcadell que foron “manipuladas” e que se lle dea credibilidade ao coronel Baena, malia ter un perfil nas redes desde o que “insultaba o independentismo”.


Coincidindo coa primeira xornada do xuízo, milleiros de persoas acudiron á chamada da ANC e de Òmnium Cultural para se mobilizaren na praza de Catalunya (Barcelona) contra o proceso ao procés baixo o lema “A autodeterminación é un dereito”. A mobilización tivo lugar despois de que esta terza feira se desenvolveran protestos por toda a cidade, desde cortes de tráfico até a concentración ás portas da Fiscalía Superior de Catalunya.

E mañá?

Na cuarta feira, día 13, continuará a fase das cuestións previas e intervirán as acusacións, isto é, Fiscalía, Avogacía do Estado e a acusación popular do partido de extrema dereita Vox. A diferenza do caso das defensas, a meirande parte da documentación e as peticións testemuñais da acusación foron aceptadas. En función da duración das intervencións da acusación, o tribunal comezará mañá ou a quinta feira a lles tomar declaración as acusadas e acusados, a comezar por Oriol Junqueras.