NORMALIZACIÓN

Asociacións das linguas minoritarias en Francia arrepóñense as políticas hostís de París

Asociacións das linguas minoritarias en Francia arrepóñense as políticas hostís de París

Unidas baixo o paraugas do colectivo Que Vivent Nos Langues (“Que vivan as nosas linguas”), lanzan unha campaña en change.org e convocan unha concentración para o 30 de novembro ás 11 horas diante do Ministerio de Educación para protestar polo “lingüicidio” do Goberno de Emmanuel Macron.


As políticas agresivas do Goberno de Emmanuel Macron, presidente de Francia, nestes últimos anos provocaron a reacción das numerosas asociacións en defensa das linguas minoritarias no Estado francés. Se a súa situación é de vello precaria, desde a chegada de Macron á Presidencia en maio de 2017 vai camiño de ser crítica.

Tal é así que estas asociacións se uniron baixo o paraugas do colectivo Que Vivent Nos Langues (“Que vivan as nosas linguas”) para facer fronte ao que chaman “lingüicidio” da Administrasción francesa, nomeadamente, das políticas do ministro de Educación, Jean-Michel Blanquer.

Neste sentido, Que Vivent Nos Langues lanzou unha campaña en change.org na que piden un estatuto similar ao que gozan o catalán no Estado español ou o galés no Reino Unido. Iníciase así: “As nosas linguas son o occitano-lingua d’oc, o éuscaro, o bretón, o catalán, o corso, o flamengo occidental, o alemán estándar e os dialectais alsaciano e moselán, o savoiano (arpitano-francoprovenzal), a linguas de Oïl, as crioulas e as linguas autóctonas dos territorios de Ultramar. Todas se resisten en Francia a non desaparecer porque todos aparecen no inventario das “linguas en perigo” estabelecido pola Unesco”.

A petición remata chamando á mobilización “contra este ministro [Jean-Michel Blanquer] cuxa política leva a un verdadeiro lingüicidio”. Así é que, alén disto, o colectivo convocou unha concentración para o 30 de novembro ás 11 horas diante do Ministerio de Educación.