ORIENTE PRÓXIMO

O ataque turco ao Kurdistán sirio deixa as primeiras vítimas: oito persoas mortas, entre estas dúas crianzas

O ataque turco ao Kurdistán sirio deixa as primeiras vítimas: oito persoas mortas, entre estas dúas crianzas
[Imaxe: twitter Forzas Armadas de Turquía] O Exército Nacional Sirio, aliado turco, adéntrase no Kurdistán sirio.
[Imaxe: twitter Forzas Armadas de Turquía] O Exército Nacional Sirio, aliado turco, adéntrase no Kurdistán sirio.  

As potencias mundiais temen que a ofensiva ameace a seguridade da rexión e leve ao rexurdir do Estado Islámico. Os EUA negan terlle dado “luz verde” á operación do Goberno de Erdogán.


Oito persoas, entre estas dúas crianzas, son as primeiras vítimas civís da ofensiva do Exército turco sobre o Kurdistán sirio, segundo datos achegados polo Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, con base no Reino Unido, e citado polo xornal inglés The Independent.

O Ministerio de Defensa turco emitiu unha nota negando toda información relacionada coas mortes de civís: "Na planificación e execución da operación Manancial de Paz, só son obxectivo os refuxios, cuarteis, armas, vehículos e equipos pertencentes aos terroristas do PKK, YPG e Daesh".

Ademais, o máximo responsábel deste mesmo departamento, o ministro Mevlut Cavusoglu, informou en Twitter de que o Exército destruíra 181 obxectivos militares, principalmente depósitos de municións da milicia Unidades de Protección Popular (YPG, pola súa siglas en kurdo), no primeiro día da ofensiva, que xa pasou a ser terrestre nas últimas horas.

Reacción internacional

Os organismos internacionais e potencias mundiais expresaron a súa preocupación pola ofensiva. O presidente do Consello de Seguridade da ONU -que esta quinta feira se reúne para tratar a situación-, o embaixador surafricano Jerry Matthews Matjila, esixiu a Turquía que "protexa os civís" e que exerza "a máxima contención".

Desde a UE, a Alta Representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, a italiana Federica Mogherini, advertiu de que "a acción unilateral por parte de Turquía" ameaza a acción conxunta entre Occidente, Turquía e outros países para derrotar o Estado Islámico.

A Liga Árabe, pola súa banda, manterá unha xuntanza de urxencia o sábado para abordar a ofensiva turca, despois de que as autoridades exipcias solicitasen o encontro tras saber da reunión desta quinta feira do Consello de Seguridade da ONU (a porta pechada). O secretario xeral da organización, Ahmed Aboul Gheit, afirmou que a incursión turca é unha "groseira violación da soberanía siria e ameaza a súa integridade".

Pola súa banda, o secretario de Estado dos EUA (o equivalente a un ministro de Exteriores), Mike Pompeo, negou que o seu Goberno dese a Turquía "luz verde" para a operación. Con todo, repetiu os argumentos esgrimidos pola Administración do país otomán para xustificar o ataque. Pompeo defendeu, ademais, a criticada decisión de Donald Trump de retirar as tropas da fronteira turco-siria.

Os EUA manteñen unha posición ambivalente con Turquía, un socio estratéxico na rexión, que á súa vez continúa a ser tentado por Moscú para entrar na zona de influencia de Rusia -firme aliado de Siria-.