50 CABODANO DO CHE GUEVARA

Até sempre, Comandante

Até sempre, Comandante

A CIA e a dereita de toda América Latina confiaban en que a desaparición física de Ernesto Guevara de la Serna, o Che, suporía un golpe de efecto decisivo en contra dos movementos de liberación nacional e a causa revolucionaria no continente. No entanto, cinco décadas despois, o pensamento e a acción de Guevara continúan a ser fonte de inspiración de millóns de persoas no mundo que seguen a acreditar nun futuro de xustiza social, igualdade e fraternidade internacionalista. Escribimos sobre isto no Sermos 267. Eis un extracto.


O 9 de outubro de 1967 o exército boliviano, daquela dirixido pola ditadura militar de René Barrientos, exhibía en La Higuera ao mundo o corpo sen vida do combatente “Ramón”, dirixente do denominado “Exército de Liberación Nacional de Bolivia”. Ramón era o sobrenome de guerra na súa misión boliviana de Ernesto Guevara de la Serna, o Che. Non cumprira inda os 40 anos de idade. A súa execución tencionaba converterse nun símbolo da derrota das loitas revolucionarias e de liberación nacional no continente. Co cadáver do Che, o imperialismo quería enterrar a insurxencia que latexaba en América Latina e no mundo. Mais o resultado foi mesmamente o contrario. O Che, que xa era naquela altura unha das figuras máis relevantes da revolución cubana, que codirixiu con Fidel e Raúl Castro, acabou por se converter nunha icona a escala global. O seu pensamento, comunista e antiimperialista, e o exemplo da súa acción revolucionaria acabaron por se estender por todo o globo, atinxindo a toda a esquerda que non renunciara á transformación radical da realidade e á construción dunha sociedade nova.

4

Cinco décadas despois, o seu legado perdura. A súa imaxe é unha das máis reproducidas na historia e o seu nome é recoñecíbel en todos os recunchos do planeta. No entanto, a icona ameza con solapar a figura, e a estética con reducir a súa imaxe a un símbolo caricaturesco, afastado cada día máis do seu propio pensamento. “A imaxe do Che, inmortalizada naquela fenomenal fotografía captada por Alberto Díaz (Korda), convértese de inmediato no símbolo universal da loita. En bandeira de combate contra toda forma de opresión”, explica o politólogo e sociólogo, Atilio Borón. A respeito do seu legado, Borón, acredita en que da mensaxe do Che perduran “moitas cousas”. “Por algo segue a ser fonte de inspiración para os loitadores sociais de todo o mundo. Queda a súa inquebrantábel coherencia, a indisolúbel unidade entre teoría, pensamento e práctica que rexeu toda a súa vida; a súa absoluta convicción de que este mundo é inviábel e que só unha revolución a escala planetaria poderá salvalo da némese [o imperialismo capitalista] que o conduce á autodestrución”, acrecenta, salientando a “excepcional actualidade do Che e a vixencia das súas ensinanzas, dos seus escritos e discursos e do seu exemplo”.

[Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 267, á venda na loxa e nos quiosques habituais]