Un atentado terrorista deixa 147 mortos nunha universidade de Kenya

Un atentado terrorista deixa 147 mortos nunha universidade de Kenya
Momento do rescate  (Foto: NTV Kenya)
Momento do rescate (Foto: NTV Kenya)  

O grupo islamita somalí Al Shabab reivindicou o ataque como represalia pola presenza de militares kenyanos no seu territorio.



O ataque contra o campus universitario de Garissa, no leste de Kenya, saldouse con 147 mortos e decenas de feridos. O grupo islamita Al Shabab, que controla boa parte da veciña Somalia, reivindicou o atentado contra os estudantes como resposta a presenza de militares kenyanos dende 2011 no seu territorio.

As forzas de seguridade de Kenya conseguiron rescatar a 500 reféns. Catro atacantes resultaron abatidos durante o operativo para retomar o control da universidade. As autoridades impuxeron o toque de queda nocturno en todo o país.

O cerebro do ataque sería Mohamed Kuno, dirixente de Al Shabab, para o que se estableceu unha recompensa de 217.000 dólares pola súa captura. Kuno fóra reitor dunha escola islámica en Garissa até 2007, segundo as autoridades kenyanas.

O grupo somalí xustificou o ataque pola guerra aberta entre a formación terrorista e o Exército de Kenya, que dende 2011 combaten na fronteira de ambos estados polo control das rexións. A localidade de Garissa encóntrase a poucos quilómetros da raia.