Atopan numerosos restos de crianzas nun convento irlandés

Atopan numerosos restos de crianzas nun convento irlandés
Catedral da Asunción, en Tuam
Catedral da Asunción, en Tuam  

Numerosos esqueletos de crianzas de até tres anos de vida foron localizados en cámaras subterráneas dun centro de monxas situado na localidade de Tuam (Galway), en Irlanda. Trátase dun convento que funcionou como casa de acollida para nais solteiras entre 1925 e 1961.


Nun convento que funcionou como casa de acollida para nais solteiras entre 1925 e 1961 na localidade de Tuam (Galway), atopáronse numerosos restos de crianzas soterrados en cámaras subterráneas. A investigación tivo lugar após a creación dunha comisión por parte do Goberno en 2014 a raíz de denuncias sobre a posíbel existencia duns 800 esqueletos de crianzas nunha fosa común próxima ao centro relixioso. A partir de entón, a chamada Comisión sobre Nais e Bebés realiza pescudas en casas de acollida dirixida por ordes relixiosas católicas no século XX.

As investigacións do Goberno tratan de botar luz sobre os altos índices de mortalidade infantil que se rexistraron nestas institucións durante o pasado século, as prácticas de soterramento das falecidas e falecidos, as políticas de adopcións e programas de vacinación experimental.

800 crianzas mortas

A historiadora Catherine Corless, que descubriu certificados de defunción que apuntan ás 800 crianzas mortas, cifrou a mortalidade infantil nestes lugares entre o 30 e o 50 por cento durante a década dos trinta e dos corenta como consecuencia das duras condicións de vida e a neglixencia das relixiosas.

Segundo o Goberno, unhas 35.000 nais solteiras pasaron por algún dos dez centros de acollida xestionados por ordes de monxas desde os anos vinte do século pasado até os sesenta.

En 2013, outra investigación oficial revelou o comportamento das monxas católicas nas chamadas Lavandarías da Magdalena, onde entre 1922 e 1996 milleiros de internas traballaron nun réxime de practicamente escravitude e abusos.