Aumenta na mocidade escocesa o coñecemento do gaélico, após décadas de descenso

Aumenta na mocidade escocesa o coñecemento do gaélico, após décadas de descenso

Na última década incrementouse a proporción de menores escoceses que coñecen e usan o idioma propio do país, se ben aínda se mantén en niveis moi baixos.


O coñecemento do gaélico avanzou nesta década entre a poboación menor de idade en Escocia, de acordo cos resultados do censo lingüístico que se veñen de facer públicos e recolle 'Nationalia'. Se ben o idioma propio de Escocia segue a perder falantes -como leva acontecendo desde hai séculos- medra lixeiramente na fanxa de 3 a 17 anos de idade, que se converte así nunha máis que importante reserva de falantes de gaélico, algo que tradicionalmente residía nas franxas de idade máis anciáns.

Os escoceses que afirman que falan gaélico son 57.600, o que representa apenas o 1,1% da poboación. E 25.000 deles din que empregan ese idioma habitualmente. En 2001 a cifra de falantes era de 58.600. Porén, é na mocidade onde se está a dar un cambio a positivo a respecto do idioma propio do país. Nas franxas por baixo dos 18 anos aumenta a porcentaxe de gaélico-falantes. Nunha década pasou do 0,9% ao 1,2%.

Alén dos 57.600 escoceses que din saber falar gaélico hai outros 30.000 que afirman que o entenden e teñen coñecementos do idioma. Por zonas, o 61% dos habitantes das Illas Hébridas coñecen o gaélico, así como o 7,4% dos que viven nas Highlands. En Glasgow o 1,7% da poboación fala gaélico (perto de 10.000 persoas).