Aumentan as protestas no Ecuador á espera da folga xeral

Aumentan as protestas no Ecuador á espera da folga xeral
[Imaxe: CONAIE] Protesta indíxena en Ecuador
[Imaxe: CONAIE] Protesta indíxena en Ecuador  

Medidas do Fondo Monetario Internacional (FMI) aceptadas polo presidente ecuatoriano, Lenín Moreno, están a provocar grandes protestas iniciadas pola oposición e os sindicatos e seguidas polos colectivos indíxenas.


A historia repítese en Latinoamérica. En marzo deste ano Ecuador aceptou unha liña de axudas económicas por un importe de 10.200 millóns de dólares. Parte dese empréstito procede do FMI, que exixiu unha serie de medidas ao Goberno ecuatoriano: redución do gasto público, incremento de ingresos e reforma laboral.   

Após varios meses, o presidente do Ecuador, Lenín Moreno, anunciou a pasada terza feira, 1 de outubro as medidas a adoptar entre as que figuraban a retirada de subsidios para a compra de combustíbel e recortes de ingresos para empregadas e empregados públicos.

Os primeiros sectores en protestar foron transportistas e estudantes e a resposta institucional foi a aprobación a quinta feira 3 de outubro do Estado de Excepción cunha vixencia de 60 días.

Protesta indíxena e folga xeral

A Confederación de Nacionalidades Indíxenas (CONAIE) sumouse á protesta e decretou mediante un comunicado unha mobilización indefinida coa prohibición expresa de entrar no seu territorio.

Desde o sábado 5 de outubro reteñen algo máis de medio cento de militares e policías por non respectar esa prohibición. Esta organización social, unha das máis importantes do país, rexeita o diálogo co Goberno de Moreno até que non retire as medidas presentadas.

Estes días continúan as mobilizacións co horizonte nunha folga nacional para a cuarta feira 9 de outubro. Convocan a CONAIE. Frente Unitario de Traballadores (FUT) o Colectivo Unitario Nacional de Traballadores e Traballadoras, Indíxenas e Organizacións Populares cunha grande concentración na capital do país, Quito, para ese mesmo día.