A CORRUPCIÓN DO PP

Aznar ignora a verdade xudicial e nega a existencia da caixa B

Aznar ignora a verdade xudicial e nega a existencia da caixa B
Aznar, durante a comparecencia
Aznar, durante a comparecencia  

Se non apresentou escusas por ter avalado cunha coartada falsa —a existencia de armas de destrución masiva—  a ilegal guerra do Iraque mal se podía agardar que o fose facer co financiamento irregular do seu partido. Fiel a si propio, e ás veces á beira da auto-parodia, Aznar negouno todo na súa comparencia no Congreso. Por negar até negou o que negro sobre branco aparece na sentenza xudicial sobre a Gürtel.

 


Non é nen equívoca nen ambigua a sentenza da Audiencia Nacional sobre a Gürtel. Atinxe, aliás, directamente o período de Aznar como chefe do partido hexemónico na dereita española. Os xuízes consideran probada a existencia no PP dunha "estrutura financeira e contábel paralela á oficial existente no mínimo desde 1989".

Máis, pétreo como unha parede de frontón, Aznar optou por negar a maior desde o primeiro minuto da súa comparecencia. Veu dicir que o seu partido se financiou de acordo coa legalidade, coas cotas da afiliación e coas doazóns dos particulares. "Das mil e pico páxinas da sentenza non hai nin unha soa proba da caixa B", dixo o ex presidente.

A argumentación de Aznar foi invariabelmente a de que a sentenza sobre a Gürtel se limita a condenar o PP como partícipe a título lucrativo en asuntos de corrupción que atinxían dous concellos de Madrid por unha cuantía conxunta inferior aos 200 mil euros.

Entrou ao corpo a corpo nomeadamente con Gabriel Rufián (ERC) e Pablo Iglesias (Podemos), mais tamén con Rafael Simancas (PSOE). No turno de perguntas do portavoz do grupo parlamentar socialista até chegou a negar a súa participación como impulsor —xunto con George W. Bush e Tony Blair— da xenocida agresión ao Iraque: "España non participou na guerra de Iraque, non se tiraron bombas españolas porque non mandou soldados", dixo. E non contente con iso, contra-atacou cunha alusión á venda de armas a Arabia Saudí: "Vostés venden bombas, perdón, proxectís", ironizou.

A Rufián atacouno como era de agardar pola cuestión catalá —chamouno repetidamente "golpista"— en tanto que a Iglesias lle imputou dirixir un partido que tería sido financiado por Venezuela e Irán.

En definitiva, Aznar —coreado polos seus parlamentares, adictos á nova liña casadista— limitouse a ser el propio no Congreso, sen importarlle o máis mínimo que o seu discurso non se correspondese en absoluto nen coa sentenza da Gürtel nen coas investigacións da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.