Barack Obama: “Non somos primeiro demócratas ou republicanos, somos americanos”

Barack Obama: “Non somos primeiro demócratas ou republicanos, somos americanos”
[Imaxe: White House] Obama, na Casa Branca
[Imaxe: White House] Obama, na Casa Branca  

O presidente chama a traballar “todos xuntos” por Estados Unidos e afirma que facilitará todo o posíbel o proceso de traspaso de poderes con Donald Trump.


Pouco despois da comparecencia de Hillary Clinton nun hotel neoiroquino produciuse, nos xardíns da Casa Branca, a de Barack Obama. O presidente, que xa na noite electoral falou con Donald Trump para felicitalo pola vitoria, comprendeu a tristura e decepción dos demócratas, mais chamounos a mirar cara adiante e sumar forzas polo ben de Estados Unidos. “Todo o mundo está triste cando os seus perden as eleccións. Mais estamos todos no mesmo equipo. Non somos primeiro demócratas ou primeiro republicanos, somos americanos, patriotas”, dixo. Parabenizou Hillary Clinton, da que dixo sentirse “orgulloso”, e puxo en valor o seu traballo durante todos estes anos nos diferentes cargos e postos que ocupou.

O mandatario quixo tamén deixar mensaxes de optimismo. Pediu ao seu equipo e aos demócratas que “ergan a cabeza” e se mostren “orgullosos” do feito nestes 8 anos, traxectoria que non debería ficar negada pola vitoria de Donald Trump.

Reiterou que convidou Donald Trump a visitar a Casa Branca esta mesma quinta feira para ir preparando a transición de poderes, un proceso que Obama xa anunciou que ía facilitar todo o posíbel, lembrando que oito anos atrás Bush tivera o mesmo comportamento con el.

Finalizou, como Hillary, cunha mensaxe para a mocidade, consciente de que este sector poboacional pode ser o máis decepcionado coa derrota perante Trump. “Non vos convertades en cínicos e, como dixo Hillary hai uns momentos, loitar polo correcto paga a pena”.