Beatriz Talegón di ter ofertas para as europeas quer de Puigdemont quer da candidatura do BNG

Beatriz Talegón di ter ofertas para as europeas quer de Puigdemont quer da candidatura do BNG
Beatriz Talegón [Foto: NacióDigital]
Beatriz Talegón [Foto: NacióDigital]  

Ex dirixente das mocidades do PSOE, partido que abandonou en 2015, é unha desas raras voces da esquerda española que se teñen pronunciado a prol do desenvolvimento do procés. Para as europeas de maio defende a converxencias das forzas independentistas e republicanas.


Colaboradora de distintos meios —coordena a sección de opinión de Diario 16— Talegón foi fichada por Lluis Llach para facer parte do Consello Asesor para o impulso do Fòrum Cívic i Social per al Debat Constituent, unha entidade que orbita arredor do soberanismo catalán. Nos últimos días, visitou os presos políticos en Lledoners e ten defendido a converxencia das forzas independentistas e republicanas, desde Arnaldo Otegi até Carles Puigdemont pasando por ERC e o BNG.

En declaracións a Nació Digital, revelou ter espertado o interese non só de Carles Puigdemont —o ex presidente tería sido o primeiro en sondexar a súa incorporación a unha lista electoral para as europeas—, senón tamén da coalición que preparan EH Bildu, Esquerra Republicana e o BNG.

"Síntome moi honrada polo feito de que teñan valorado o meu perfil, quer desde a candidatura que está a plantexar Puigdemont quer desde a coalición ERC, Bildu e BNG", dixo Talegón, quen a seguir esclareceu: "De momento non son máis que convites [a colaborar], e pola miña parte estou a traballar a prol da unidade, para que todas as formacións que defenden o dereito a decidir e as repúblicas se presenten unidas".



x