Bélgica denuncia que Facebook rastrexa ilegalmente ás usuarias


Bélgica denuncia que Facebook rastrexa ilegalmente ás usuarias

Un informe demostra que a rede social utiliza arquivos que violan as leis europeas de protección de datos para investigar o comportamento dos e das internautas.

 

Un informe elaborado pola Comisión de Privacidade belga vén de destapar que Facebook rastrexa de forma ilegal aos seus usuarios e usuarias. A rede social utilizaría arquivos, coñecidos como datr, que recollerían o comportamento dos e das internautas, incluso cando non navegan na páxina creada por Mark Zuckerberg. Unha práctica que violaría a lexislación europea en materia de privacidade.

Sinalan en concreto a directiva aprobada en 2002 polo Parlamento Europeo na que se prohibe o uso deste tipo de arquivos (cookies) para persoas usuarias que non se subscriban a unha web. Os autores do informe aseguran que a rede social non cumpre ningunha das excepcións que lle permiten obter este tipo de información, segundo recolle o diario británico ‘The Guardian’, que publicou o estudo en exclusiva.

Facebook rexeita as acusacións e asegura que se trata de prácticas habituais e legais na web.

A resposta de Facebook non se fixo esperar. A compañía lamentou o informe e rexeitou as acusacións, asegurando que se trata de prácticas habituais. “Virtualmente todas as web, entre elas Facebook, usan legalmente estes arquivos para ofrecer servizos. As cookies son un estándar da industria dende hai máis de 15 anos”, sinalan nun comunicado.

Non sorprende que Facebook teña unha opinión diferente en canto a que requiren as lei de protección de datos. Pero si Facebook sinte que o informe contén erros, recibiremos con alegría calquera emenda específica que queiran facer", responderon os investigadores en declaracións a ‘The Guardian’.