INDEPENDENTE SOCIALISTA

Bernie Sanders pelexará por ser o candidato demócrata en 2020

Bernie Sanders pelexará por ser o candidato demócrata en 2020
Sanders, nun mitin previo á campaña de 2016 [Foto: Nick Solari]
Sanders, nun mitin previo á campaña de 2016 [Foto: Nick Solari]  

77 anos, senador independente por Vermont e declarado socialista, Bernie Sanders confirmou esta terza feira que vai concorrer ás primarias do Partido Demócrata para ser eleito como candidato desa formación nas presidencias de 2020. Sanders xa fora a revelación da campaña de 2016, cando puxo en serios apuros a Hillary Clinton na liza interna para ser o cartaz electoral alternativo ao republicano Donald Trump.


Sanders é responsábel de que o termo socialismo, un vocábulo que é un auténtico apestado nos círculos próximos ao establishment político e mediático, se puxese en circulación na política norteamericana. Sen el dúas políticas desa tendencia ideolóxica —Alexandria Ocasio-Cortez e Rashida Tlaib— dificilmente se terían feito cos seus escanos nas eleccións lexislativas de medio mandato do pasado mes de novembro.

Agora, e practicamente en coincidencia cun novo alegato de Trump contra o ideario socialista, Bernie Sanders anuncia que en 2020 tentará o asalto á Casa Branca. En que se vai diferenciar esta campaña da anterior?, perguntáronlle nunha entrevista na CBS. "En que desta volta imos gañar", contestou o senador de Vermont.

Nunha mensaxe nas redes, Sanders escribiu: "Xuntos, ti e máis eu e a nosa campaña de 2016 comezamos a revolución política. Agora é tempo de completar esa revolución e de materializar a visión pola que loitamos".

En 2016 Sanders fixo unha campaña nas marxes da política oficial, co aparato do Partido Demócrata entregado a Hillary Clinton. Así conquistou o corazón de boa parte das bases da esquerda norteamericana, orfa desde había anos, probabelmente desde a figura de Jesse Jackson, dun líder situado con clareza en posicións progresistas. En 2020 Sanders pretende repetir a xogada e, a xulgar polos primeiros datos divulgados onte pola súa equipa de comunicación, as cousas non lle van mal: nas 12 horas seguintes ao anuncio da súa precandidatura, conseguiu recadar por volta de 4 millóns de dólares, froito das pequenas achegas —un promedio de 27 per cápita— de aproximadamente 150.000 doantes.

Boa parte da axenda progresista de Sanders de 2016 —universalización da atención sanitaria, salario mínimo de 15 dólares a hora, gratuidade das matrículas universitarias, elevación dos impostos aos ricos— foi incorporada ao programa da maior parte de aspirantes demócratas á nominación como candidatos do partido.

Se Sanders é finalmente o candidato, Trump xa ten a campaña feita: chamará ao voto aos sectores máis mornos do electorado do Partido Demócrata, ao tempo que mobilizará os seus co argumento do medo ao socialismo. Mais as eleccións de 2016 mostraron que a presidencia dos EUA, agora en mans dun ultra dereitista, se podían gañar perfectamente prescindindo do centro político.