Bletxu Valeiras: "Israel busca facer de Gaza non xa un campo de concentración senón de exterminio"

Bletxu Valeiras: "Israel busca facer de Gaza non xa un campo de concentración senón de exterminio"
Bletxu Valeiras
Bletxu Valeiras  

O masacre continúa en Gaza sen que os organismos comunitarios internacionais respondan coa contundencia precisa para parar os ataques de Israel.O representante de BDS-Galiza, Bletxu Valeiras, analiza a situación e as razóns dos ataques. 


Entidades como BDS levan anos desenvolvemendo unha protesta sen descanso pola defensa do pobo palestino, incrementada desde que comezou hai máis de tres semanas a ofensiva militar que leva máis de mil setecentas persoas asasinadas.

-Israel recoñeceu que Hamas non tivo responsabilidade no asasinato dos tres colonos que utilizaron como argumento do ataque. Como se explica a violencia deste masacre contra Gaza?.

Todo leva a pensar que o argumento dos tres colonos foi puro marketing,  unha boa escusa que non se podía desaproveitar. Israel nunca mostrou interese en esclarecer o asasinato. Tras o acordo de unidade palestina, tiña que facer algo para provocar  a Hamas  e romper esa unidade. Por outra parte, o masacre permite Netanyahu gañar en popularidade. Aínda que para as persoas decentes do mundo resulta difícil de crer, máis do 90% dos xudeus de Israel, (80% da poboación total), respaldan este xenocidio.

"Gaza está desfeita. Infraestruturas fundamentais, auga, electricidade, sanidade, educación... "

-Colexios, hospitais, barrios enteiros... que supón esta ofensiva militar indiscriminada de Israel?.

Gaza está desfeita. Infraestruturas fundamentais, auga, electricidade, sanidade, educación... todo. O que Israel busca é facer da Faixa non xa un campo de concentración senón un campo de exterminio, un lugar onde sexa imposíbel vivir. Provocar un novo Nakba... mais agora sen territorio onda a poboación poda fuxir.

-Máis de mil setecentos  asasinatos en Gaza sen unha resposta contundente da comunidade internacional. Desde BDS como se analiza a posición de organismos como a ONU?

A ONU condea (tarde e superficialmente), mais non actúa. Ver un representante da ONU en Gaza chorar de impotencia nunha entrevista televisada di mais do que está a suceder que todas as declaracións oficiais. Anúncianse investigacións sobre crimes de guerra, mais nada se fai para evitar que continúen producíndose. Europa, máis unha vez non existe e só sabe repetir a consigna do dereito á defensa, (dunha das partes, claro).

"Anúncianse investigacións sobre crimes de guerra, mais nada se fai para evitar que continúen producíndose". 

-E a posición dos Estados Unidos?

A esperada. O lobby sionista ten nas súas mans os medios que lle permiten decidir as políticas bélicas dos EUA. O "non matedes moitos” que entoa Obama encanto continua a armar Israel é o mantra dun cínico.

-Van máis de tres semanas e os ataques non cesan. Como se pode parar esta situación de terror para o pobo palestino?

A curto prazo só organismos internacionais poderían frear isto, mais esa posibilidade está cada vez máis descartada e os resultados da acción da sociedade civil demoran máis en ter efecto. Posibelmente a fin da mantanza chegará cando Israel decida, cando estime que non ten sentido continuar o castigo.

-Vostedes denunciaron en repetidas ocasións que o tráfico de armamento entre o Estado Español e Israel ía en aumento. Como valora a postura do goberno español perante o xenocidio?

Cal postura?. O goberno español non ten outra postura que a que lle dita o dúo EUA-Israel. Rajoy acaba de declarar que o seu único interese é que cese a violencia, facendo gala dunha frivolidade cínica que repugna. Basta con comparar este cinismo coas medidas que anunciaron, e mesmo xa tomaron, algúns países de Ámérica do Sur ou Sudáfrica para ver que non é preciso ser unha gran potencia económica para ter dignidade e sentido da xustiza. O Reino de España o que tiña que facer é cortar de inmediato toda relación económica, non digamos militar, con este estado canalla.

"Posibelmente a fin da mantanza chegará cando Israel decida, cando estime que non ten sentido continuar o castigo".

-Fronte esta situación, como se está a desenvolver a campaña de boicot a Israel?

Como é lóxico, a situación sensibiliza a sociedade e o boicote avanza. Alén das medidas tomadas por varios países a que fixen referencia antes, teñen gran importancia  as numerosas peticións de embargo militar --unha delas asinada por seis premios Nobel da Paz (entre os que non está loxicamente Obama)  e ducias de recoñecidas figuras internacionais— así como as que se envían aos gobernos en demanda da rotura de todo tipo de relación con Israel e o crecemento acelerado do número de artistas que deron nos últimos días o apoio á campaña de boicote cultural. En Portugal, onde hai actos masivos de apoio a Gaza, acaba de nacer a plataforma BDS. Na Galiza temos un exemplo moi recente: unha palestra de Samuel Epstein, subdirector da Cámara de Comercio España-Israel en Galicia, programada na feira Ecological Galicia foi cancelada despois de BDS-Galiza alertar á organización da incoherencia de convidar o membro dun estado xenocida (e ecocida) a falar nun encontro ecoloxista.O efecto do boicot non é inmediato e non vai parar os ataques, mais está afectando cada vez máis á economía de Israel, como o proprio estado sionista recoñece.

-Contra o que aconteceu o pasado ano no que o Parlamento Galego aprobou a primeira declaración institucional a favor dos dereitos do pobo palestino. Como analiza que o PP boicoteara agora unha iniciativa de condena dos ataques do goberno de Israel?.

En realidade o Parlamento Galego aprobou xa dúas declaracións institucionais nese sentido, en 2013 e 2014. Despois produciuse a inxerencia do embaixador de Israel que recriminou ao Parlamento Galego esta decisión. Inxerencia contestada pola presidenta  da cámara en carta furtada que a opinión pública galega nunca puido coñecer.. Só cabe esperar que este boicote non signifique que o Partido Popular decidiu rectificar e someterse ás presións e os ditados de Israel. Infelizmente, na Deputación de Ourense e en varios concellos en que se presentaron mocións similares o PP tivo o mesmo comportamento.

"Infelizmente, na Deputación de Ourense e en varios concellos en que se presentaron mocións similares o PP tivo o mesmo comportamento que no Parlamento".

-BDS promove cada día novas mobilizacións contra os ataques e en apoio ao pobo palestino. Que relevancia teñen os protestos sociais en apoio ao pobo palestino?

Na Galiza a solidariedade co pobo palestino ven de antigo e, a pesar da traxedia actual ter lugar nunha época do ano en que moitas persoas están de  vacacións. mantense intensa. Non só nas grandes cidades, onde as mobilizacións son máis visíbeis, tamén en vilas como Pontedeume, Ponteareas, Salvaterra (aquí en irmandade coa portuguesa Monção), a xente se xunta e protesta. E non só en actos de rúa, en palestras ou  no apoio ao boicote, tamén na recollida de material sanitario e na disposición a apoiar iniciativas como a Arca de Gaza ou a Flotilla da Liberdade, o pobo galego tende o brazo amigo e solidario ao pobo palestino.