O ADIANTO ELECTORAL, MAIS UNHA VEZ NA AXENDA

O bloque independentista catalán emenda os orzamentos pactados por PSOE e Podemos

O bloque independentista catalán emenda os orzamentos pactados por PSOE e Podemos
Tardà e Sánchez no Congreso [Foto: NacióDigital]
Tardà e Sánchez no Congreso [Foto: NacióDigital]  

A ruptura está cantada e salvo xiradela imprevista de última hora os orzamentos de Pedro Sánchez, pactados con Podemos, non superarán o primeiro trámite, o da votación das emendas á totalidade. ERC e PDeCAT anunciaron esta segunda feira senllos vetos. O adianto electoral para este outono xa é un dato que se comeza a dar por amortizado nos cenáculos políticos e mediáticos madrileños.


12 de febreiro. Comeza na Audiencia Nacional o xuízo aos presos políticos cataláns. 13 de febreiro. Vótanse no Congreso as emendas á totalidade aos orzamentos. Unha cousa leva á outra. E a secuencia apunta a que, salvo mudanza de guión nada probábel, o bloque independentista catalán tombará as contas pactadas por Pedro Sánchez con Pablo Iglesias.

Por que? De acordo coa versión do bloque independentista, porque o goberno español non deu ningún paso na dirección da resolución do conflito entre Catalunya e Euskadi. De acordo coa visión da Moncloa, porque ERC —foi a formación republicana a que anunciou en primeiro termo a presentación da emenda á totalidade, posteriormente secundada polo PDeCAT— precisa reforzar o seu perfil soberanista ante o comezo do xuízo que outorgará grande visibilidade ao seu líder, Oriol Junqueras.

"Hai motivos [para formular a emenda á totalidade] dunha índole extraordinaria como é que o Goberno, o PSOE, se ten deixado arrastrar por parte da dereita española", dixo esta terza feira na antena da SER Joan Tardà, portavoz de ERC no Congreso.

Tardà liga a hipotética retirada da emenda á totalidade e o acordo orzamentario co PSOE a que o Goberno Sánchez inste a Fiscalía Xeral do Estado a que contribúa para desxudicializar o conflito. Desde a Moncloa o que se argúe é que a división de poderes impide ao executivo inxerirse no labor do xudicial.

O argumento básico da esquerda española, non só do PSOE, mais tamén de Podemos, para obter o apoio do soberanismo catalán é que o rexeitamento dos orzamentos abocaría Sánchez a convocar unhas xerais que poderían resultar no triunfo das dereitas. O independentismo non merca ese razoamento, entre outras cousas porque desde a propia Moncloa se ten dito que o executivo podería resistir até 2020 pola vía da prórroga das contas do PP.

En todo caso, a hipótese de adianto electoral volve estar na axenda e analistas próximos a Sánchez sosteñen que a este lle podería interesar ir a eleccións xa após unha ruptura co bloque independentista que, entenden, podería ser rentabilizada polo PSOE nos caladoiros de votos máis permeados polo discurso españolista.



x