O bloque soberanista catalán mantén a maioría absoluta nas vésperas do xuízo ao independentismo

O bloque soberanista catalán mantén a maioría absoluta nas vésperas do xuízo ao independentismo
Imaxe da Diada 2018
Imaxe da Diada 2018  

O taboleiro catalán mantén unha estabilidade a proba de bomba, e de Vox, residual no Principat. Esa é a principal conclusión que se tira do inquérito que publica esta segunda feira El Periódico de Catalunya. De se realizaren agora eleccións ao Parlament, a primeira forza, e con clareza, sería ERC, 4 pontos por cima de Cs.


47 por cento. Ese é voto global do independentismo catalán de acordo coas previsións de GESOP para El Periódico, após entrevistar un total de 1.468 persoas. A estabilidade é total. Nas eleccións de decembro de 2017 o grao de apoio ás opcións que defenden un estado catalán independente situouse en 47,5 por cento.

ERC vai en cabeza, co 25,5 por cento do voto estimado, o que supón un significativo incremento de 4,2 por cento a respecto do proceso electoral de decembro de 2017. A formación republicana obtería entre 39 e 40 asentos no Parlament, fronte aos 32 de que dispón agora.

A segunda praza sería para un declinante Cs, que conseguiría 21,5 por cento dos sufraxios e entre 30 e 31 escanos. Cedería, por tanto, 3,8 por cento dos sufraxios de 2017 e entre 5 ou 6 escanos. A caída da marca de Rivera e Arrimadas non a compensa polo flanco dereito o PP, que fica nun irrisorio 4 por cento do voto, 2 escanos (a metade dos que ten agora), nen un Vox marxinal que só alcanzaría 2,5 por cento dos apoios e, portanto, non entraría no Parlament.

No campo do soberanismo, Junts per Catalunya tería de se conformar co 15 por cento dos votos (6,6 por cento menos que en 2017) e entre 23 e 24 escanos (34 agora), en tanto que a CUP confirmaría o seu ascenso, ao obter 6,5 por cento dos sufraxios e entre 8 e 9 asentos, fronte ao 4,4 por cento e 4 escanos dos comicios anteriores.

Canto á esquerda de ámbito estatal, o PSC sobe levemento en intención de voto (de 13,8 a 15,5 por cento do voto), e de forma máis marcada en número de representantes (de 17 escanos a entre 21 e 22), mentres que Catalunya en Comú Podem practicamente calca os resultados de 2017, 7,5 por cento do voto, unha décima máis que en 2017. Porén, a distribución do voto entre as distintas forzas favorecería a confluencia que podería virar esa décima de incremento en entre un ou dous escanos máis dos 8 que actualmente detenta na cámara.

Os dados do inquérito, concordantes co promedio dos publicados por distintos meios, revelan a fortaleza do soberanismo catalán sobre o cal esta semana estarán postos todos os focos, co xuízo ás presas e aos presos políticos que comeza a terza feira no Tribunal Supremo.