“LÍMITE INACEPTÁBEL Á DIVERSIDADE NACIONAL”

O BNG oponse á reforma da lei electoral europea

O BNG oponse á reforma da lei electoral europea
A eurodeputada do BNG Ana Miranda.
A eurodeputada do BNG Ana Miranda.  

A eurodeputada do BNG Ana Miranda denuncia o proxecto da Comisión Europea para, mediante unha reforma da lei electoral, impor “un límite inaceptábel á diversidade nacional” no Parlamento europeo.
 


“Non podemos permitir que forzas como o BNG queden sen representación por unha manobra dos partidos maioritarios para limitar a presenza de partidos nacionalistas”, sinala Miranda. A tal manobra é a pretensión da Comisión Europea de aumetar a porcentaxe de voto precisa para obter representación, que pasaría do actual 2% ao 5%.

 

“O BNG sempre reclamou unha circunscrición europea propia para Galiza”, explica, “que garantiría que non esteamos aos caprichos do que voten os Estados segundo o que máis lle conveña”. A nacionalista insta ao novo presidente español Pedro Sánchez a “solicitar a retirada da reforma”.

 

De se realizar as intencións do mando da Unión Europea, a norma electoral entraría en vigor para as eleccións do vindeiro ano. “Contamos coa vantaxe de que para resultar aprobada precisa o apoio da maioría absoluta do Parlamento, o que dificulta a súa aprobación, mais indubidabelmente hai que estar alerta”, engade.

 

Ana Miranda avisa de que tal reforma “afectaría tremendamente ao Bloque, non conseguiría representación na Eurocámara. É dicir, impediría que Galiza tivese presenza”. O mesmo acontecería, di, con forzas como “Bildu, Esquerra Republicana, Compromis, Equo e outras que concorren baixo o paraugas de coaliciónas amplas”.

 

A eurodeputada do Bloque anuncia que, canda outros parlamentarios nacionalistas “promove a oposición a esta reforma”.



x