UE

Bota a andar a nova Comisión Europea da conservadora Von der Leyen

Bota a andar a nova Comisión Europea da conservadora Von der Leyen
Da esquerda á dereita: Lagarde, presidenta do Banco Europeo; Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea; Michel, presidente do Consello Europeo, e Sassoli, presidente da Eurocámara [Europa Press]
Da esquerda á dereita: Lagarde, presidenta do Banco Europeo; Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea; Michel, presidente do Consello Europeo, e Sassoli, presidente da Eurocámara [Europa Press]  

A gran prioridade do novo Executivo comunitario será, segundo a súa presidenta, a transición enerxética e a loita contra o quecemento global.


A nova Comisión Europea, coa conservadora Ursula von der Leyen á fronte, botou a andar este domingo, 1 de decembro -aniversario do Tratado de Lisboa-, con 26 comisarias e comisarios ao seu cargo (Reino Unido, en pleno proceso do Brexit, non cumpre coa obriga de presentar un representante).

O Executivo comunitario, o máis paritario da historia con 12 mulleres, arrinca cun mes de atraso, logo de os candidatos iniciais presentados por Francia, Rumanía e Hungría non recibiren o visto bo da Eurocámara. Do total de membros, tan só repiten oito dos integrantes da Comisión de Jean-Claude Juncker.

A nova presidenta da Comisión e o seu Colexio de Comisarios conseguiron o pasado 27 de novembro o aval da Eurocámara grazas ao pacto alcanzado previamente polos tres grandes grupos: conservadores, socialistas e liberais.

Von der Leyen contará con oito vicepresidencias, entre as que está a do ex ministro español Josep Borrell, que ocupará o cargo de alto representante para asuntos exteriores e política de seguridade, unha vicepresidencia que, porén, carece de poder executivo.

«Protección do clima»

A gran prioridade da nova comisión será a transición enerxética e a loita contra o quecemento global. «Protexer o noso clima é un tema existencial para Europa e para o mundo», declarou unha Von der Leyen que se comprometeu a pór en marcha un proxecto neste sentido no prazo de cen días.

Curiosamente, Von der Leyen estrearase no cargo, no seu primeiro día hábil de exercicio, na apertura da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP25) en Madrid.