HADDAD, OBRIGADO A SEDUCIR O VOTO CENTRISTA PARA GAÑAR O 28-0

Brasil: o ultradereitista Bolsonaro golpea primeiro, 46% dos votos, e avantaxa en 16 puntos a Haddad

Brasil: o ultradereitista Bolsonaro golpea primeiro, 46% dos votos, e avantaxa en 16 puntos a Haddad

A segunda volta terá lugar o 28 de outubro. O candidato do PT Fernando Haddad conseguiu 29,28 por cento dos sufraxios e no segundo turno das presidencias terá de reunir todo o voto progresista e democrático para derrotar o candidato saudoso da ditadura militar. 


O ultraconservador Jair Bolsonaro e o seu discurso militarista, machista e dereitista derrotaron as enquisas. Obtivo 46,03% dos votos na primeira volta das eleccións brasileiras que tiveron lugar este domingo. Moito máis do que lle vaticinaban as sondaxes e 16 puntos por riba de Fernando Haddad, do PT, que logrou 30%. Ciro Gomes, do Partido Democrático Laborista, atinxiu 12,47% dos apoios nas urnas. Case 49 millóns de persoas votaron por Bolsonaro, pulando este dereitista convencido a ser o claro vencedor desta primeira rolda dos comicios en Brasil.

O 28 de outubro decorrerá a segunda volta, na que se enfrontarán Bolsonaro e Haddad. Hai confianza en que o candidato do PT aglutine nesa cita todo o voto anti-Bolsonaro e que iso permita que este militar retirado non chegue ao poder da principal potencia de América do Sur.

Porén, os bos resultados este domingo de Bolsonaro deixan todo no ar.

Para gañar, Hadda tería de elevar os seus apoios á contorna dos obtidos por Dilma Rousseff en 2014, cando a líder histórica do PT —derrocada por un impeachment con tintes golpistas— conseguiu 54 millóns de votos. O candidato da dereita conseguira daquela, Aécio Neves, 51 millóns, 2 máis dos obtidos este domingo por Bolsonaro, o que indica que este aínda non tocou teito.