ENQUISA SOCIOLINGÜÍSTICA

O bretón logra, con luces e sombras, estabilizar os seus falantes por riba dos 200.000

O bretón logra, con luces e sombras, estabilizar os seus falantes por riba dos 200.000
Imaxe dunha carreira a favor da lingua bretoa.
Imaxe dunha carreira a favor da lingua bretoa.  

O número de persoas que falan esta lingua mantense case igual que en 2007, data do último estudo. Na actualidade 5,5% dos habitantes do territorio son bretón-falantes.Porén, cada vez son máis maiores e unha parte significativa da poboación é refractaria a que as crianzas aprendan o idioma.

 


A enquisa sociolingüística encargada polo Consello de Bretaña ao instituto TMO Règions cifra en 207.000 as persoas falantes de bretón (213.000 entre as cinco comarcas históricas de Breizh e que suman 4,6 millóns de habitantes). Un número que se mantén case que invariábel a respecto do estudo feito en 2007. Aquel documento constataba como nas décadas anteriores houbera unha importante perda de falantes.

O estudo cifra en 5,5% as persoas que son bretón-falantes en Breizh. Unha porcentaxe que se mantén idéntica á que había en 2007. Mais hai importantes diferenzas segundo falemos da Baixa ou Alta Bretaña. Na primeira a porcentaxe de falantes é de 12,5% mentres que na segunda redúcese a un testemuñal 1%. Na Baixa Bretaña, ademais, houbo unha lixeira perda de falantes pois en 2007 era de 13%.

O que si se mantén é a avanzada idade da maioría das persoas falantes de bretón: 57% teñen máis de 70 anos; 22% entre 60 e 69; 16% de 40 a 59 anos e 5% por baixo dos 39 anos.

Por volta de 3,5% dos bretóns que non o falan din entendelo moi ben ou ben; 31% dos habitantes recoñece que emprega expresións ou frases soltas nese idioma. En total, 40% da poboación posúe coñecementos da lingua bretoa.

As conclusións do traballo indican que a lingua bretoa mostra unha estabilidade aparente no número de falantes mais hai un envellecemento significativo dese colectivo. Ademais, apontan, o estudo revela que a maioría dos habitantes de Bretaña (59% dese 94% de non falantes de bretón) non queren que as crianzas aprendan ese idioma.

Galó

Neste mesmo estudo sociolingüístico cífrase en 191.000 as persoas falantes de galó, a outra lingua propia da Bretaña. É unha lingua romance (por tanto, derivada do latín) pertencente ao grupo galorrománico, subgrupo de oïl. O bretón, de por parte,  é unha lingua celta insular de tipo britónico. Un 5% da poboación de Bretaña fala galó e 24% das bretoas e bretóns din ter coñecementos desa lingua.

Por último, o estudo tamén pregunta sobre a identificación dos habitantes de Bretaña. A maioría, 39%, responden sentirse só franceses ou máis franceses que bretóns; 38% din se sentir tan franceses coma bretóns e 18% só bretóns ou máis bretóns que franceses.