ANÁLISE

Brexit, como chegamos até aquí?

Brexit, como chegamos até aquí?
As campañas anti-inmigración dos tabloides atopan a súa resposta na rúa en forma de autocolante.
As campañas anti-inmigración dos tabloides atopan a súa resposta na rúa en forma de autocolante.  

O contexto en que se desenvolve un proceso impredicíbel.

A primeira ministra británica Theresa May iniciou en Berlín unha crucial xira coa que busca recadar apoios entre as principais potencias da UE para estender a data do Brexit e evitar así unha saída desordenada do bloque comunitario. Nun escenario impredicíbel, Luís P. Castelo, investigador galego na Universidade de Birmingham, achega o contexto en que decorre o Brexit.


Hai xa hai tempo que o proceso do Brexit pasou a ser impredicíbel. O acordo de saída ao que chegou o Goberno británico coa UE vai xa polo terceiro rexeitamento parlamentar. Ao tempo, nos diversos procesos de votacións indicativas para buscar un consenso, todas as posíbeis solucións saíron rexeitadas, coa excepción do veto á saída sen acordo, o temido No Deal (sen trato).

Desde un punto de vista galego, as críticas á UE adoitan vir desde a esquerda e o nacionalismo, considerándoa, en trazos moi grosos, unha “unión de mercaderes” que converteu o neoliberalismo en lei, un club de Estados que nega os dereitos dos pobos e funciona antidemocraticamente.

A maioría do euroescepticismo británico é profundamente dereitista.

Aínda que estas críticas desde a esquerda existen tamén no Reino Unido (o líder laborista, Jeremy Corbyn, provén desa tradición política, e algúns dos seus deputados, así como outras forzas extraparlamentares, defenden o chamado Lexit, un Brexit á esquerda), a maioría do euroescepticismo británico é profundamente dereitista. Para eles, a UE e as súas políticas comúns de dereito laboral, medio ambiente ou seguridade alimentaria, lonxe de impor o credo neoliberal, supoñen un obstáculo por seren demasiado proteccionistas. Na súa visión nostálxica da Britannia emprendedora e imperial, o Reino Unido, libre dos regulamentos europeos, podería competir con maior vantaxe nos mercados internacionais.

O outro gran factor no euroescepticismo británico é a inmigración

O outro gran factor no euroescepticismo británico é a inmigración. Se ben os tabloides dereitistas levan tempo cultivando un clima anti-inmigración, este recibiu un grande impulso coa chegada de David Cameron ao poder, culpando o aumento da inmigración da situación precaria dos servizos públicos causada polos seus propios recortes. Nese contexto, a campaña do Leave (abandonar a UE) tivo moi fácil empregar o medo do diferente e unha suposta perda dos valores británicos como catalizadores do voto. Mais o clima xerado causou tamén un aumento dos ataques racistas e xenófobos, que aumentou após a vitoria do Leave e segue sen reducirse.

As campañas anti-inmigración dos tabloides atopan a súa resposta na rúa en forma de autocolante.May’s Deal, No Deal, People’s Vote...?

A dimisión de Cameron fixo que fose Theresa May –que a pesar de votar Remain defendeu desde o comezo cumprir co mandato de saír da UE– quen liderase a negociación do acordo de saída. Este acordo, constrinxido polas famosas “liñas vermellas” (entre as cales está o final da liberdade de movementos), continúa sendo a política oficial do Partido Conservador, que controla un pouco menos da metade dos escanos da Cámara dos Comúns.

A dimisión de Cameron fixo que fose Theresa May quen liderase a negociación do acordo de saída malia ela votar Remain

Porén, May amosouse incapaz de conseguir unha maioría parlamentar para o seu acordo, en boa medida polo rexeitamento do acordo da ala dereita do seu partido, o European Research Group, e dos seus socios unionistas do DUP. Para estes, o backstop, o conxunto de medidas incorporadas para evitar o peche da fronteira coa República de Irlanda, preconfigura unha relación demasiado estreita coa UE e constrinxiría a liberdade do Reino Unido, polo que defenden outro acordo ou o No Deal.

Así as cousas, na última semana a primeira ministra, Theresa May deixou de lado a súa característica teimosía e comezou a negociar coa oposición laborista para chegar a un punto de encontro, nun proceso no que, segundo aseguran, xa non hai liñas vermellas.

A postura do laborismo

O laborismo, que até o de agora se mantiña nunha ambigüidade calculada tentando contentar todas as partes da súa coalición electoral (clase obreira do norte de Inglaterra, afín ao Leave, e elite metropolitana liberal, ultras do Remain), tivo que aclarar a súa postura, e preséntase á negociación defendendo unha unión aduaneira reforzada, así como a petición dun “referendo confirmatorio” para calquera acordo que se asine. Porén, unha parte dos seus deputados das zonas postindustriais do norte resístense a este.

O resto dos partidos con representación, encabezados polo SNP, defenden o People’s Vote

E mentres tanto, o resto dos partidos con representación, encabezados polo SNP, defenden o People’s Vote, a proposta de segundo referendo, ou, nalgúns casos, a derrogación do proceso de saída.

Antes do final desta semana saberemos se o Reino Unido consegue unha nova extensión do período de negociación. Porén, aínda que así sexa, todo está por decidir, pois nesta primeira fase só se negociaba o acordo de saída, e nada hai decidido, aínda, sobre o futuro modelo de relación entre o Reino Unido e a UE.