COLOMBIA

Bruno Carvalho: “O proceso de paz en Colombia precisa da maior solidariedade internacional”

Bruno Carvalho: “O proceso de paz en Colombia precisa da maior solidariedade internacional”
Bruno Carvalho (no centro) deslocouse até os campamentos das FARC-EP.
Bruno Carvalho (no centro) deslocouse até os campamentos das FARC-EP.  

O xornalista, colaborador de Sermos Galiza, palestrou en Compostela e Vigo no marco do Foro Internacionalista da UPG arredor da situación no país latinoamericano.


“Hai que evitar que volva a paz do cemiterio”. Citando a un activista colombiano, que rememoraba o fracaso do proceso de paz de 1984 que deu lugar a unha brutal represión contra a Unión Patriótica,  Bruno Carvalho sintetizou a dupla vertente, de oportunidade  e risco, do proceso de paz en marcha en Colombia, co que as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do pobo (FARC-EP) tencionan poñer fin a máis de 50 anos de loita armada. 

Carvalho palestrou en Compostela e Vigo dentro dos actos organizados polo recén inaugurado Foro Internacionalista da Unión do Povo Galego (UPG). Xornalista freelance, colabora con medios como Telesur, RT, Gara, Brasil de Fato e mais o semanario Sermos Galiza. Nas páxinas de Sermos, publicou recentemente unha serie de tres reportaxes nos que narraba a súa experiencia xornalística após deslocarse por espazo de tres semanas a un dos campamentos das FARC-EP.

Palestra en VigoEn ambas as dúas palestras, que foron seguidas por abondoso público, Carvalho realizou, segundo recoñecía el propio, unha sucinta aproximación a un “proceso complexo que abre expectativas de paz e xustiza” para Colombia. O xornalista inscribiu a súa análise nunha retrospectiva histórica, lembrando que  o século XX estivo marcado “pola sangue a violencia”, con sucesivos enfrontamentos armados. O masacre das bananeiras en 1928, que se saldou coa morte de millares de campesiños e campesiñas, ou a brutal represión contra o Bogotazo, o proceso de reacción popular diante do asasinato do candidato presidencial Jorge Eliécer Gaitán en 1948, serían dous momentos chave que explican o nacemento das FARC-EP. Un contexto histórico determinado polo problema da terra e a explotación do campesiñado por parte da oligarquía transnacional e atravesado polo fenómeno da violencia paramilitar. 

O fracaso de 1984

No repaso dos atecedentes, Carvalho reparou especialmente na experiencia do proceso de paz de 1984, fracasado por causa do deliberado incumprimento por parte do goberno colombiano. Neste senso, lembrou como a resposta diante da fin das accións armadas das FARC foi o asasinato de 5 mil militantes de Unión Patriótica --a forza política impulsada pola guerrilla e mais o Partido Comunista--, dous candidatos presidenciais e decenas de cargos electos. Nesa vaga de violencia, para alén do papel desempeñado polos grupos paramilitares, que gozaban da connivencia e o abrigo gobernamental, tamén se implicou o propio exército. 

O anterior proceso de paz saldouse co asasinato de 5 mil militantes de Unión Patriótica, de dous candidatos presidenciais e de decenas de cargos electos.

Malia o fracaso desa tentativa de paz, que daría lugar ao agravamento da violencia exercida polo Estado colombiano e grupos paramilitares, en 2002 inicia un novo proceso de diálogo, sediado en La Habana (Cuba). “Hai que ter en conta que en Colombia, un país de 48 millóns de habitantes, o exército mobiliza arredor de 2 millóns de soldados. En Arxentina, cunha poboación de 40 millóns, as súas tropas contan con só 120 mil efectivos”, enumera Carvalho para explicar o alcance do conflito.  “O proceso de paz iniciado en 2002 débelle moito a Hugo Chávez” sostén, lembrando o activo papel desempeñado polo líder bolivariano que nunca cualificou de ‘terrorista’ a guerrilla colombiana. 

Acordo de paz

En xullo de 2016, as delegacións do goberno colombiano e mais das FARC-EP atinxían un acordo definitivo de paz. Un acordo que recollía históricas reivindicacións da guerrilla e dos movementos populares de Colombia, como a reforma agraria e a entrega de terras, a apertura democrática, que permitirá á guerrilla concorrer aos procesos electorais, ou a aposta na erradicación dos cultivos de folla de coca, para rematar coa industria do narcotráfico. A este respeito, Carvalho denunciou a inxusta criminalización das FARC por as cualificar desde os gobernos da dereita como “narcoterroristas”, ao tempo que se idolatra os verdadeiros narcos en series de televisión. “Acabar co narcotráfico foi sempre un obxectivo da guerrilla”, sentenciou.

O goberno colombiano está a incumprir o acordo de paz asinado en 2016.

Os acordos recollían a concentración dos e das combatentes das FARC en campamentos provisorios, como paso previo á entrega das armas e a reincorporación á vida civil. No entanto, esta cuestión xa puxo en evidencia os deliberados incumprimentos por parte do goberno de Juan Manuel Santos, ao non garantir que estean dotados da infraestrutura básica e provelos de alimentación escasa e de moi baixa cualidade. Un dos paradoxos neste sentido é, segundo o xornalista, ouvir ao goberno reclamar ás FARC que axilizasen a entrega de armas á ONU cando o propio goberno non tiña instalado os contedores para realizar tal entrega. A vida nos campamentos, que Carvalho puido experimentar en primeira persoa durante tres semanas, é espartana. As carencias materiais, por causa dos denunciados incumprimentos gobernamentais condicionan a vida cotiá, mais non alteran a vontade das FARC-EP de empurraren o proceso de paz. “Eles deixan ben claro que no que dependa da guerrilla o proceso non vai fracasar”, narrou, aludindo as conversas mantidas con combatentes e mandos. Sobre o terreo puido constatar, segundo dixo, a falsidade da denuncia contra as FARC de prácticas machistas e mesmo de violencia sexual contra as súas combatentes.

Riscos

No que vai de ano foron asasinados xa máis de cen activistas e continúa a haber 10 mil presos políticos

O proceso de paz avanza, mais non sen atrancos e incertezas. “A paz en Colombia enfronta inimigos internos e externos”, afirmou Carvalho. Nos externos apunta os intereses do imperialismo que sempre alentou a violencia contra o pobo. No ámbito interno cita a oposición de dereita, encabezada polo expresidente Álvaro Uribe, algunhas desercións no actual goberno, como a do exvicepresidente Vargas Lleras e tamén a crecente violencia contra os movementos populares. “No que vai de ano foron asasinados xa máis de cen activistas e continúa a haber 10 mil presos políticos”, denuncia. “Cada tres días os grupos paramilitares asasinan a unha persoa”. 

A fraxilidade da paz que se quer abrir camiño é, pois, evidente. O risco dun fracaso como o de 1984 é unha posibilidade. Así o puxo en evidencia o presidente venezolano Nicolás Maduro, que recentemente denunciou a existencia dun plan para aproveitando o desarme en curso das FARC “erradicar as forzas de esquerda”, como xa aconteceu coa experiencia de Unión Patriótica. É por iso que a guerrilla pide o maior apoio internacional ao proceso de paz, para garantir que o asinado se cumpra. “A solidariedade internacional é esencial para axudar a que a paz e a xustiza social cheguen a Colombia”, defende Carvalho. 

Foro Internacionalista

Co dupla palestra sobre a situación colombiana a Unión do Povo Galego puxo en marcha o seu Foro Internacionalista.  Un marco con afán de continuidade que, por boca de Duarte Correa, secretario de Relacións Internacionais da UPG, pretende “traer a Galiza a actualidade dos procesos e loitas patrióticas e antiimperialistas do mundo”. “Non queremos dar todas as respostas, senón provocar preguntas que axuden a reflexionar e cuestionar a orde actual”, acrecentou.