POR ABUSO DE MERCADO

Bruxelas impón a Google a maior multa da historia da UE

Bruxelas impón a Google a maior multa da historia da UE

A multa é por abuso de mercado (prácticas propias dos monopolios). A Unión Europea condena Google por manipular os procedimentos dos seus buscadores para favorecer os seus intereses e prexudicar os dos seus competidores. O xigante tecnolóxico deberá pagar 2,4 mil millóns de euros e terá noventa días para abandonar os procedementos ilegais que leva a cabo. 


Google enfróntase a unha multa de 2,4 mil millóns de euros, a cuantía máis elevada esixida pola UE até o momento, que podería aumentar no caso de que non cesaren as súas actividades ilegais nun prazo de noventa días. Neste caso tería que facer fronte a multas de até 5% da facturación diaria da empresa matriz, Alphabet.


Margrethe Vestager, comisaria europea de Competencia e encarregada do caso, sinala que Google aportou numerosas innovacións ás nosas vidas moi positivas, pero que a súa estratexia comercial foi abusiva, promovendo os seus servizos nos resultados de busca e ocultando os dos seus competidores. Vestager declara que o que fixo Google é ilegal baixo as normas da Unión Europea.

 
Google nega as acusacións, declarando que os resultados das buscas amósanse de xeito que sexa máis doado para o consumidor atopar aquilo que procura.

A sanción á multinacional norteamericana é o resultado dunha investigación de sete anos.