Bruxelas financiará con 200 millóns de euros a expulsión da UE dun millón de inmigrantes

Bruxelas financiará con 200 millóns de euros a expulsión da UE dun millón de inmigrantes
[Imaxe: United Nation Photo] Refuxiados
[Imaxe: United Nation Photo] Refuxiados  

En plena onda ascendente da ultradireita en Europa, a Comisión Europea asume algunhas das fórmulas do xenófobo Trump. Esta quinta feira apresentou un plano que persegue a expulsión da UE de arredor dun millón de inmigrantes sen papeis. Bruxelas está disposta a pór 200 millóns de euros para financiar a operación.


Bruxelas estima en por volta dun millón de inmigrantes os que moran na Unión Europea aos que se lles ten denegado o direito de asilo. Quéreos fóra da UE e canto antes. Esta quinta feira o Executivo comunitario apresentou un plano de acción para acelerar a expulsión. A medida deixa ao nú a hipocresía da Comisión: por un lado critica Trump polas súas políticas xenófobas, por outro emúlao cun programa de deportacións masivas.

Bruxelas non quer escusas polo lado das finanzas, así que vai abrir un fondo de 200 millóns de euros para "axudar os países nos retornos", segundo a xiria eufemística da Comisión. Ese diñeiro sufragaría accións conxuntas entre os Estados comunitarios para facilitar as expulsións.

Nos últimos 2 anos a UE recibiu 2,6 millóns de demandas de asilo, 56 por cento das cais receberon unha contestación positiva. Iso deixaría por volta de 1,1 millón de demandantes que no atoparon acollida por parte de Bruxelas e que, portanto, se acharían en situación irregular. Esa multitude é a que a Comisión quer agora expulsar.

Programas de reubicación

Mentres tanto, a UE continúa sen cumprir os seus propios programas de reubicación de persoas demandantes de asilo que neste momento se achan en Italia e Grecia. En concreto, en setembro de 2015 Bruxelas adquiriu o compromiso de reubicar 160.000 solicitantes de asilo nun prazo de 24 meses.

De acordo cun informe da Comisión, á altura do pasado 27 de febreiro só se producirán un total de 13.546 reubicacións dese total de 160.000 demandantes que actualmente residen entre Italia e Grecia.

Até o momento o Estado que acolleu un maior número de persoas é Franza, con 2.758, un chisco máis que Alemaña (2.626). O Estado español fica moi atrás, ao ter recibido 851 demandantes de asilo (144 desde Italia e 707 desde Grecia).

Hungría, Austria e Polonia continúan coa súa política de boicote activo a este programa de reubicación.