"Intentámolo todo, fixéronnolo imposíbel". Eleccións xerais o 10 de novembro

"Intentámolo todo, fixéronnolo imposíbel". Eleccións xerais o 10 de novembro
Pedro Sánchez, na Moncloa.
Pedro Sánchez, na Moncloa.  

Na segunda feira 23 de setembro disolveranse as Cortes e comezará un mes de pre-campaña na que a primeira disputa será por determinar quen tivo a culpa do fracaso dun goberno de esquerdas. "Os cidadáns dixeron ben claro en marzo e abril que querían un goberno progresista e agora terán que dicilo aínda máis claro en novembro", di Pedro Sánchez no seu primeiro discurso de pre-campaña desde Moncloa.


Pedro Sánchez compareceu diante dos medios pasadas as nove da noite desta terza feira. "Gobernamos con limpeza, pero dúas forzas de dereitas e unha forza de esquerdas bloquearon a posibilidade dun goberno", comezou.

"Os cidadáns dixeron ben claro en marzo e abril que querían un goberno progresista e agora terán que dicilo aínda máis claro en novembro. Dixeron que querían un goberno coherente e sólido, terán que volver dicilo aínda máis claro. Dixeron que querían que se respecte o resultado electoral e deberán ser escoitados nunhas semanas", dixo lanzando xa o primeiro desafío da campaña electoral.

"Intentámolo todo, presentamos até cinco fórmulas distintas ao noso socio preferente, pero fixéronnolo imposíbel. Podemos bloqueo catro veces nos cinco últimos anos un goberno progresista", xustificou o líder socialista sinalando xa ao culpábel do fracaso tras cinco meses de ida e volta para non chegar a ningunha parte.

"Está onde quería", pensa Casado

“Teño a sensación que Pedro Sánchez está onde quería”, dixo Pablo Casado, o líder do PP, despois de entrevistarse con Felipe VI na rolda de consultas previa á convocatoria dunha sesión de investidura que finalmente non se producirá.

Contra as sete e media desta tarde, rematadas as entrevistas cos líderes parlamentarios, a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, visitou a Zarzuela para coñecer a decisión do monarca. Felipe VI non topou candidato. Non haberá investidura. Na segunda feira disolveranse as Cortes. O 10 de novembro, eleccións.

Frustrada a opción dun acordo con Ciudadanos e descartada a coalición con Podemos, o PSOE non teme unhas novas eleccións. Unha campaña curta: 10 días; e moita incerteza sobre os resultados (as enquisas din hoxe que a situación de bloqueo podería repetirse). Pero Sánchez quere eleccións, o PSOE conseguiu nestes meses crear a sensación de que unha nova convocatoria ás urnas prexudicaría a todas as forzas menos a eles. 

As últimas ofertas

"Pedro Sánchez ten dúas ofertas enriba da mesa se quere ser presidente: unha oferta á esquerda e outra á dereita. Ten tempo para decidir, pero alguén debería recordarlle que na rolda de contactos co rei tes que ir con el traballo feito", resumiu Pablo Iglesias nunha comparecencia de prensa no Congreso esta terza feira. O voto de Unidas Podemos será a abstención se Pedro Sánchez insiste en presentarse nunha sesión de investidura sen un acordo de goberno de coalición cos de Iglesias. Esa opción non a contempla o PSOE, que leva días insistindo en que o bloqueo dun goberno de esquerdas sen Podemos é cousa de Podemos.

O voto de Ciudadanos será negativo, asegurou esta tarde Albert Rivera. O líder de C’s reiterou por carta a súa oferta de onte a Pedro Sánchez. Despois dunha breve conversa telefónica entre ambos, Rivera pediu ao presidente en funcións que “recapacite, rectifique e volva ao constitucionalismo”. Do contrario, o voto de C’s en caso de que Sánchez vaia a investidura “seguirá sendo non”.

O PP non se moveu e insiste en que votará contra Sánchez. Pablo Casado chegou á consulta co monarca pola tarde convencido de que a repetición electoral non prexudica ao Partido Popular mesmo despois de fracasar a súa estratexia España Suma. "Si finalmente [Sánchez] nos conduce a unhas eleccións, espero que lle pase factura", apostou Casado.