Os camiños de Sánchez: ou acordo con Podemos ou eleccións o 10N

Os camiños de Sánchez: ou acordo con Podemos ou eleccións o 10N
Sánchez abandona o escano após ser rexeitada a súa candidatura
Sánchez abandona o escano após ser rexeitada a súa candidatura  
Poucas horas despois de sufrir a súa segunda derrota nunha investidura (a primeira foi en 2016), Pedro Sánchez aproveitou unha entrevista para se desdicir do seu anuncio de que desta volta só o intentaría unha vez. O candidato socialista deixou claro que está disposto a volverse submeter a un debate parlamentar antes de que conclúa o fatídico prazo do 23 de setembro. En Tele5, Sánchez pediu a PP, Cs e Podemos "explorar outros camiños" para "desbloquear a situación".

Que outros camiños? En teoría hai tres escenarios. A saber:

1.-Reatar as negociacións con Podemos e alcanzar un acordo. O pacto podería substanciarse nun goberno de coalición —visto o visto, as posicións non están tan distantes, após Pablo Iglesias mostrar a súa disposición a renunciar ao Ministerio de Traballo a condición de se facer coas políticas activas de emprego—ou nunha alianza de lexislatura, con Podemos como esixente socio parlamentar dun goberno monocolor do PSOE.

2.-Chegar a un acordo coa dereita para esta se abster. Tería de ser quer con PP quer con Cs. Non valería só con PP, en principio máis disposto a falar con Ferraz. Unha abstención da escadra de Casado non viabilizaría a investidura de Sánchez se esta fose rexeitada por Unidas Podemos, independentistas, Cs e Vox.

3.-Deixar morrer o prazo para o Parlamento investir un candidato (caduca o 23 de setembro) e ir a novas eleccións xerais o 10N. A contraindicación deste movemento é clara: unha moi probábel desmobilización do electorado da esquerda podería resultar na aterraxe de Pablo Casado na Moncloa.

Das tres hipótese a primeira é a máis probábel. Hai marxe para un acordo, tal e como, facendo abstracción da dureza oratoria duns e doutros, ficou patente na sesión plenaria desta quinta feira. O disenso non atinxe a cuestións programáticas —desde o estrado Pablo Iglesias deixou caer que xa non aspira a derrogar completamente a reforma laboral do PP, só os seus aspectos máis regresivos—, senón ao reparto de competencias e, por tanto, á capacidade orzamentaria. A clave sinalouna con acerto Aitor Esteban, o elocuente portavoz do PNV. Non é críbel que vaia naufragar a negociación dun goberno de coalición só polo control dunhas políticas activas de emprego que, aliás, en boa parte están en mans das comunidades autónomas.

Hai marxe para un acordo, tal e como, facendo abstracción da dureza oratoria duns e doutros, ficou patente na sesión plenaria desta quinta feira

Destarte, Sánchez ten perante si en realidade dous vieiros. O primeiro lévao a volvelo intentar con Iglesias. O segundo lévao a se confrontar máis unha vez coas urnas. O seu apelo á dereita conduce inevitabelmente á melancolía. Atrincheirado Rivera en posicións xa moi próximas a Vox, o acordo en solitario con Casado é politicamente inviábel: o líder do PP non pode facer presidente ao candidato socialista porque estaría a entregar ao patrón da formación laranxa o cetro de xefe da dereita española.