De cando a bandeira soviética pisou a Lúa

De cando a bandeira soviética pisou a Lúa
[Imaxe: SG] Bandeira da URSS que chegou á Lúa no Museo Cosmonáutico de Moscova.
[Imaxe: SG] Bandeira da URSS que chegou á Lúa no Museo Cosmonáutico de Moscova.  

20 de xullo de 1969. Non chegaban ás 22 horas (hora local) cando as televisións de todo o mundo retransmitían un feito histórico: o ser humano pisaba a Lúa. Mais a bandeira dos EUA non era a única que visitaba o satélite da Terra. Tamén o fixera a bandeira da URSS.


Unha escaleira de metal pola que descendía un astronauta. O escenario, unha paisaxe poeirenta, con cráteres. Era a chegada do ser humano á Lúa, da que este sábado se fan 50 anos. Entre as imaxes que ficaron para a Historia, a bandeira dos EUA cravada na superficie lunar, mais non foi a única que pisou a Lúa. Tamén o fixo a soviética, en plena carreira espacial.

A bandeira da URSS que chegou á Lúa foi transportada dentro do Apolo 11 como unha iniciativa diplomática xunto a estandartes doutros países e pode contemplarse no Museo da Cosmonáutica de Moscova. Foi Neil Armstrong quen lla agasallou en 1970 ao presidente do Consello de Ministros da URSS, Alexéi Kosiguin nunha visita do estadounidense a Leningrado e a Moscova. O galano completouse cunha caixa con varias mostras da superficie lunar.

Os outros fitos do espazo

Os estadounidenses Neil Armstrong e Edwn Aldrin conseguían que o ser humano puxese un pé nun astro que non fose a Terra, mais anos antes era a URSS quen lograba adiantarse na coñecida como carreira espacial, cuxa orixe vén determinada o 4 de outubro de 1957, cando os soviéticos mandan ao espazo o primeiro satélite artificial en chegar á órbita, o Sputnik 1. O 3 de novembro de 1957 o Sputnik 2 trasladaba ao espazo o primeiro ser vivo, a cadela Laika.

O 19 de agosto de 1960 a URSS lograba que orbitasen a Terra as cadelas Belka e Strelka, que represarían con éxito á Terra. O programa espacial dos EUA importaba entón chimpancés de África e enviaba ao espazo Ham, o 31 de xaneiro de 1961. Mais o 12 de abril de 1961, hoxe festa nacional en Rusia, a URSS asinaba o gran fito: conseguía poñer en órbita o primeiro home, o cosmonauta Yuri Gagarin, que viaxara na nave soviética Vostok. Adiantábase así aos EUA. Vinte e tres días despois, Alan Shepard pasaría á Historia como o primeiro estadounidense en entrar no espazo, mais nunha misión suborbital. Non foi até o 20 de febreiro de 1962 cando os EUA conseguían que un astronauta estadounidense orbitase a Terra. Foi John Glenn.

O 16 de xuño de 1963, e a bordo da Vostok 6, a soviética Valentina Tereshkova convertíase na primeira muller no espazo e entre o 11 e o 15 de agosto de 1962 a URSS lograba enviar o primeiro voo con dous tripulantes. Tamén se adiantaron os soviéticos o 12 de outubro de 1964 cando Komarov, Feoktistov e Yegorov formaban a primeira tripulación que viaxou sen traxes espaciais e cando o 18 de marzo de 1965 o cosmonauta Alexei Leonov conseguía completar o primeiro paseo no espazo.

A misión do Apolo 11

Os EUA puxéronse por diante da URSS cando asinaron con éxito o obxectivo da misión tripulada do Apolo 11: que un ser humano camiñase na superficie lunar. A nave enviouse ao espazo o 16 de xullo de 1969 e chegou á Lúa o 20 de xullo. Acompañaban Armstrong e Aldrin Michael Collins, piloto do módulo de mando. O 24 de xullo, os tres astronautas lograban amerizar nas augas do Pacífico.

A chegada á Lúa foi retransmitida con imaxes en vivo a todo o mundo. Foi cifra récord en absoluto, con 600 millóns de espectadores, durante 12 anos, até a voda entre a princesa Diana de Gales e o príncipe Carlos.