A carreira das primarias nos Estados Unidos máis desiguais

A carreira das primarias nos Estados Unidos máis desiguais

A crise varreu con boa parte da clase media, que se atopou nunha situación que nunca imaxinou. Gasolina para a polarización política, din os analistas. EUA rexistra a maior taxa de desigualdade do último medio século e esta cuestión comeza a aparecer na campaña, tanto de demócratas como republicanos.


O 1 de febreiro comezou no estado de Iowa a carreira das primarias para demócratas e republicanos, unha carreira con metas volantes (20 de febreiro, citas en Navada ou Carolina do Sur), etapas de montaña (o 'supermartes', 1 de marzo, primarias en varios estados) e avituallamento: as respectivas convencións. Os republicanos terana en Cleveland o 18 de xullo e os demócratas fixárona en Filadelfia no Día da patria galega, 25 de xullo. A meta desta carreira está no 8 de novembro, día no que decorrerán as 58º eleccións presidenciais en Estados Unidos.

Os datos do propio Censo oficial sinalan que o país está nas súas maiores taxas de desigualdade das últimas décadas. Hai 21 millóns de persoasen situación de “pobreza severa”. 400 familias posúen unha riqueza equivalente á de 125 millóns de estado-unidenses.

Mais (este) Estados Unidos xa non é (aquel) Estados Unidos. A crise foi devastadora tamén de portas para adentro desta potencia. Os datos do propio Censo oficial de EUA sinalan que o país está nas súas maiores taxas de desigualdade das últimas décadas. Hai case 50 millóns de pobres, e 21 millóns de persoas están en situación de “pobreza severa”. Ao tempo, 400 familias posúen unha riqueza equivalente á de 125 millóns de estado-unidenses. O 1% dos habitantes de EUA teñen o 40% do total de riqueza do país e mentres nestes 30 anos os ingresos dese 1% triplicáronse, a maioría da cidadanía empobreceu.

Mais a verdadeira novidade que sinalan os analistas é que, ao tempo que se daba este terremoto (cuxos primeiros sinais levaban rexistrándose desde hai tempo), unha parte moi considerábel da clase media americana era varrida. Moitos americanos atopáronse nunha situación que nunca imaxinaran que terían que vivir. No desemprego, mais principalmente cun traballo precario que non dá para manter unha familia. Unha situación que fai que a clase media branca se vexa de súpeto 'baixando' á escala que tan ben coñecían minorías como a afro-americana. O propio Obama, consciente desa situación e do 'perigo' que supuña, incrementou durante 2014 e 2015 nos seus discursos as referencias a ”salvar a clase media”.

Moitos americanos atopáronse nunha situación que nunca imaxinaran que terían que vivir. E iso, sinalan os analistas, repercute na campaña. Cómpre ver até onde

Politólogos como G. Skelley, da Universidade de Virxinia, destacan a importancia que colle nesta carreira ás presidencias o tema da desigualdade, algo que non se daba nas outras citas. E fan bandeira da loita contra a desigualdade tanto candidatos republicanos como demócratas. A indignación e o malestar que prenden en parte da sociedade americana fai que collan protagonismo candidatos como Trump ou Sanders. Mais a gasolina é diferente. “Sanders cabalga o cabalo da esperanza”, considera Alberto Avendaño, galego asentado desde hai anos en EUA, onde dirixe 'El Tiempo latino', sección hispana do The Washington Post. Votos que colleita na mocidade, mais non só, como tampouco só entre o típico votante 'liberal' (na acepción americana de ser de esquerdas). Trump atoparía eco en parte desa clase traballadora branca que ve como nestes anos a súa vida empeorou a pasos axigantados e tamén en sectores do populismo conservador menos relixioso. O magnate non ten interese algún nos caladoiros de voto das 'minorías', ese 40% da poboación que non é branca.

Dous bandos

No 'caucus' de Iowa Hillary Clinton impúxose por pouco a Bernie Sanders (23 delegados por 21). E nas primarias de New Hampshire o senador por Vermont impúxose claramente (60% dos votos). Logrou até agora 36 delegados por 32 de Clinton. Falla moita carreira por diante. A nominación como candidato demócrata acádase con 2.383 delegados (a metade máis 1). Entre eles, os 400 'superdelegados', que non se elixen en primarias, senón que corresponden a cargos e representantes do Partido. “Estades preparados para unha idea radical?”, pregunta Sanders, “crear unha economía que non funcione só para o 1%”. Un discurso máis á esquerda do que é habitual na política americana. “Sanders fala de desigualdade, que é algo que preocupa a moita xente, e ten unha carreira coherente con iso”, sostén Skelley, ao contrario que Hillary. Esta mesmo ten que 'radicalizar' o seu discurso en materia social para non perder votantes fronte Sanders. E este ten que dar un pulo para chegar á comunidade negra, desde onde en 2015 se lle acusou por parte de membros de 'Black Lives matter' de non ser contundente de abondo na denuncia dos asasinatos de afroamericanos desarmados por policías brancos.

Sanders ou Hillary? Será candidato demócrata quen teña 2.383 delegados o 25 de xullo, data da Convención

No bando republicano, a primeira posición por agora é Donald Trump, con 17 delegados, por diante de Ted Cruz (11) e Marco Rubio (10). Para ser nominado candidato republicano precísase o apoio de 1.237 delegados na Convención que en xullo terá o partido en Cleveland. Hai até seis candidatos en liza. Embora o seu 'arranque' explosivo, as apostas de analistas -recollen medios estadounidenses- apontan a algúns dos candidatos que non están agora nos primeiros postos, como John Kasich – gobernador do estado de Ohio- ou Jeb Bush -fillo e irmán de ex-presidentes, exgobernador de Florida.

Son os primeiros pasos aínda dunha carreira, a das presidenciais, que é longa e na que cómpren cartos, apoio mediático e resistencia. O Centro sobre Política da Universidade de Virginia aponta que pode haber marxe para sorpresas, mais limítaas ás primeiras etapas da carreira. Se ben, recoñece, esa é unha predición con chaves para uns EUA que xa non son estes EUA.