Casado, disposto a gobernar en coalición con Vox

Casado, disposto a gobernar en coalición con Vox
Pablo Casado vota nas primarias do PP
Pablo Casado vota nas primarias do PP  Foto: PP.

O líder do PP pisa o acelerador na súa deriva dereitista e deixa claro que está disposto a entregar consellarías do goberno andaluz a Vox, un partido que ten no seu programa a liquidación das autonomías. Casado non só rexeita a luva que lle tendeu na mesma noite Susana Díaz a presidenta saínte pedía un pacto constitucionalista para isolar a extrema dereita—, senón que pasou ao contra-ataque a dicir que o partido máis "radical" e "perigoso" da democracia non é Vox, senón o Podemos co que Sánchez negociou os orzamentos.

 

 


O domingo 2D o PP perdeu 316.410 votos —conseguiu un 29,6 por cento menos dos obtidos en 2015— e un total de 7 escanos, mais o partido conservador vive na euforia desde a noite electoral, alentado por un escenario que moi probabelmente vai resultar no desaloxo de Susana Díaz do Palacio de San Telmo. A animar a festa contribúen sen dúbida os meios de comunicación próximos á Rúa Génova que —pese á debacle en número de sufraxios e ao aparecimento dun novo rival no caladoiro da dereita, os ultras de Vox— teiman en afirmar que os resultados das eleccións andaluzas avalan o xiro aznariano imprimida por Casado ao partido desde a súa vitoria fronte a Soraya Sáenz de Santamaría, a candidata preferida de Mariano Raxoi.

Tan desacomplexado está Casado coa bandeira filo-ultra na man que esta terza feira o presidente do PP abriu a billa a un hipotético goberno de coligación con Ciudadanos e con Vox. Xa durante a campaña, o líder conservador —moi activo durante todo o asalto ás urnas, a eclipsar ao candidato autonómico da súa formación— deixou entrever que non tería o menor embarazo en chegar a acordos coa organización liderada por Santiago Abascal.

Nunha entrevista en RNE esta mesma terza feira, Casado estabeleceu unha única liña vermella, a de que a presidencia ten de recaer no candidato do partido conservador. "A única posición de partida que é innegociábel é que Juan Manuel Moreno ten que ser o presidente da Junta e o PP ten que ser quen lidere esa mudanza. Logo xa se é un acordo de investidura ou de lexislatura ou de goberno se ten que falar en primeiro lugar con Ciudananos e logo Vox terá que decidir se ten unha posición pasiva, absterse e facilitalo, ou activa", dixo.



x