Casado pide aplicar “xa” a lei de seguridade nacional en Catalunya e ilegalizar partidos

Casado pide aplicar “xa” a lei de seguridade nacional en Catalunya e ilegalizar partidos

“Pódese aplicar xa a lei de partidos porque calquera partido que alente a violencia pode ser ilegalizado”, afirma o líder do PP, que esta segunda feira reúne en Barcelona o comité de dirección do PP


“Cruzouse a liña vermella” afirma Pablo Casado, líder do PP, en referencia a Catalunya e para xustificar a necesidade de aplicar “xa” a lei de seguridade nacional: Con esa lei na man, indica, procederíase a “tomar o control dos Mossos” así como “diluír esa mal chamada intelixencia catalá”, referíndose así a Cesicat, coñecido como ‘CNI catalán’.

Pablo Casado, en declaracións a Telecinco, tamén pon sobre a mesa a aplicación inmediata da lei de partidos, abrindo a porta á ilegalización de formacións políticas.  “Pódese aplicar xa a lei de partidos porque calquera partido que alente a violencia pode ser ilegalizado”, xustificou, afirmando que “en Catalunya pasamos dos rapaces da gasolina aos rapaces da pintura amarela” e agora, dixo, “aos rapaces que preparan explosivos”.

Non fican aí as propostas do líder do PP. Tamén o Estadio debería actuar sobre as competencias da Generalitat en materia de institución penitenciarias, así como aplicar a lei de sostibilidade financeira para evitar que “a Generalitat non malverse a prol da independencia” ou reforzar a inspección educativa estatal para “evitar o adoutrinamento” nas aulas e “modificar a lei do audiovisual” para “evitar a propaganda [independentista] nos medios de comunicación”.