Casado pide ilegalizar Arran e Rivera que a CUP non reciba fondos públicos

Casado pide ilegalizar Arran e Rivera que a CUP non reciba fondos públicos

O líder do PP reitera que en Catalunya hai “kale borroka”.


PP e Ciudadanos volven retomar, no que xa hai tempo que deixou de ser unha novidade, os discursos e mensaxes pedindo a ilegalización de organizacións independentistas, no que semella unha carreira – con Vox como terceiro participante- por ver quen gaña en pedir máis man dura contra o 'secesionismo'.

Albert Rivera volve poñer sobre a mesa a proposta de retirar subvencións públicas a formacións como a CUP, que ten representación institucional no Parlament e en numerosos concellos. O líder de Cs acusa a CUP de “rachar a convivencia e a democracia” querendo ligala co ataque contra unha sede de Ciudadanos por parte de mozos e mozas independentistas. O ataque consistiu en cristais rotos e lanzamento de pintura.

O presidente do PP foi máis alá e solicitou a ilegalización de Arran, organización da mocidade independentista, ao tempo que falaba de que en Catalunya hai “pura kale borroka”, e chamou ao Estado a “aplicar a lei”.

PP e CS intensifican estes discursos despois de cada acción contra algunha das súas sedes, uns ataques que teñen ampla cobertura mediática e de denuncia. Non pasa así, denuncia a esquerda independentista, con outros episodios de violencia en Catalunya, como os que recollía o Observatorio crítico dos medios: o unionismo violento protagonizou 86 agresións físicas en menos de 3 meses. Nese período no mínimo 101 persoas resultaron con feridas de diversa consideración por agresións de motivación ‘españolista’ ou ‘unionista’.