Catalunya, día 6: a rúa en pé de paz até a noite

Catalunya, día 6: a rúa en pé de paz até a noite
Unha manifestante, esta tarde en Barcelona. [Imaxe: Nació Digital]
Unha manifestante, esta tarde en Barcelona. [Imaxe: Nació Digital]  
O movemento cidadán quere marcar o paso dos acontecementos en Catalunya. Este sábado a sexta xornada de protestas transcorre en relativa calma, con centos de persoas nas rúas das principais cidades, mais sen enfrontamentos coa policía. Mentres, os actores institucionais seguen sen abrir vías de diálogo e mesmo algúns líderes indiscutíbeis até hai pouco tempo sofren apupos da xente: pasoulle a Gabriel Rufián.

Miles mobilizáronse na sexta xornada de protestas contra a sentenza e contra a represión das manifestacións. Sucedeu en todas as grandes cidades de Catalunya. Mais o foco estivo de novo en Barcelona, en especial, sobre a concentración que os CDR e a CUP desconvocaron despois dun par de horas. Centos de persoas saíron de novo á rúa. Houbo tensión diante do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, protexido polos Mossos. En paralelo, na praza Urquinaona, manifestantes montaron un cordón humano "cívico e pacífico" para, explicaron, "facer pantalla cos corpos da policía". Cidadáns das entidades civís vinculadas a En Peu de Pau (En Pé de Paz) conseguiron que “a non-violencia” se convertera na ferramenta máis útil da xornada.

 

Tamén houbo manifestacións en Donostia (42.000 persoas) e en Madrid (4.000 persoas), na capital do Estado con cargas policiais.

Entre os líderes políticos continúa o desconcerto. 

Torra sabadoO presidente catalán Quim Torra (JxC) pediu a Pedro Sánchez "fixar unha data e hora" para unha reunión e abrir un "diálogo inmediatamente". Ao mesmo tempo, o vicepresidente, Pere Aragonès (ERC), instou á Policía Nacional a actuar con "criterios de proporcionalidade". Tamén denunciou a falta de diálogo do goberno español: "Hai tempo que pedimos unha reunión con Pedro Sánchez e el só envía ao ministro do Interior". A Agència Catalana de Notícies revelou que Torra chamou por teléfono á Moncloa pero o presidente en funcións do Goberno español non atendeu a chamada.

Despois da comparecencia no Parlamento catalán, pola tarde houbo máis encontros entre líderes políticos cataláns e Torra enviou unha carta a Pedro Sánchez advertíndolle que non lle dea “lección de condenar a violencia”. Outros líderes políticos decidiron sumarse as concentracións cidadás. O cabeza de lista de ERC no Congreso español, Gabriel Rufián, apareceu no paseo de Lluís Companys de Barcelona cando remataba a manifestación convocada polos CDR e a CUP. Rufián tivo que escoitar berros: "Vostede é a nova Converxencia!" e "Fóra!". 

Pasadas as dez da noite, La Vanguardia informou de que os CDR levantaran os cortes que afectaban á AP-7 e á N-340, e de que en Tarragona e Lleida a xente nas rúas estaba tranquila malia presenza policial, mentres que en Girona había incidentes pola orde de levar á cadea a unha persoa detida durante o día.

Ao peche, o mesmo xornal advertía que a noite non ía ser tan tranquila como o día en Barcelona. “Primeiras barricadas no centro”, informaba a edición dixital.