Cesamento o fogo en Gaza

Cesamento o fogo en Gaza
[Imaxe: SG] Ataque aéreo en Gaza
[Imaxe: SG] Ataque aéreo en Gaza  

Os bombardeos do exército israelí mataron 21 persoas na franxa e 4 israelís morreron polos proxectís lanzados desde Gaza. Tel Aviv retomou estes días os denominados 'asasinatos selectivos'.


Autoridades de Israel e de Gaza acordaron un cesamento do fogo, medida que entrou en vigor ás 3:30 hora galega na madrugada desta segunda feira, para poñer fin á violencia desta fin de semana e que deixou 21 palestinos e 4 israelís mortos. O exército de Israel bombardeu diversos puntos da Franxa e unidades terrestres de carros de combate despregáronse perto da fronteira. Gaza leva anos sometida a un bloqueo por terra, mar e aire por parte de Israel e que converte este territorio, segundo denuncian colectivos de defensoras dos dereitos humanos, no cárcere ao ar libre máis grande do mundo.


Aliás das 21 persoas mortas, os ataques israelís tamén provocaron 140 feridas e destruíron 60 vivendas, para alén de danar outros 540 inmobles. Atacaron tamén instalacións que albergaban diversos organismos e mesmo as oficinas da televisión pública turca en Gaza. No marco deses ataques o exército de Israel retomou as operacións de 'asasinatos selectivos', e mediante este método matou un gazatí de 34 anos de idade que acusaba de entregar diñeiro iraniano a organizacións palestinas que o goberno israelí cualifica de terroristas

Tel Aviv xustificou o ataque das súas forxas armadas á Franxa no seu dereito á autodefensa contra os proxectís lanzados desde Gaza contra Israel e que causaron 4 mortos, feridos e diversos danos materiais.