O chefe dos Mossos denuncia que o Estado non partillou con el a información sobre Es Satty

O chefe dos Mossos denuncia que o Estado non partillou con el a información sobre Es Satty
Josep Luís Trapero
Josep Luís Trapero  

O pretenso cerebro da célula jihadista que atentou en Barcelona e Cambrils estaba sob o foco da policía española desde 2005, mais esa información nunca chegou aos Mossos d'Esquadra. Así o denunciou este domingo o seu major (chefe), Josep Luís Trapero. O chefe do corpo policial catalán afirma, porén, que sería "deshonesto" afirmar que os Mossos poderían ter evitado os atentados de teren sido alertados sobre os antecedentes jihadistas de Es Satty.


En 2005 o xuíz Grande Marlaska autorizou escoitas telefónicas sobre Abdelbaki Es Satty polos seus vínculos con grupos asociados a Al Qaeda, entre eles células que tiveron algún papel nos atentados de Madrid de 11 de marzo de 2004. A Policía española non partillou esa información cos Mossos D'Esquadra, embora Es Satty viver en Catalunya. Tampouco tivo acceso a ela o xuíz de Castellón que en 2015 anulou a orde de expulsión que pesaba sobre o marroquino. O maxistrado só coñecía os seus antecedentes como traficante de drogas (cumpriu 4 anos de prisión), mais carecía de información previa sobre as súas actividades jihadistas. De ter tido consciencia do envolvimento de Es Satty nas redes do terrorismo islamista o probábel é que non tería posto reparos á súa orde de expulsión do territorio estatal.

Sobre este asunto foi interpelado en Catalunya Radio o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, un mando policial que se ten tornado nos últimos días un auténtico fenómeno viral ao defender nunha conferencia de imprensa o seu direito a se expresar en catalán. De Es Satty "sabíamos ben pouco, por non dicer que non sabíamos case nada. Sabíamos o nome de pia", dixo Trapero.

Como é posíbel que a información sobre un imán investigado desde 2005 polos seus hipotéticos contactos jihadistas lle fora vedada á policía catalá? Trapero atribúe a incomunicación entre policía española e catalá á lei que regula o modelo policial estatal, unha norma legal de hai 30 anos que fai abstracción do facto de en Catalunya os Mossos seren de facto a "policía de referencia".

Trapero denuncia tamén que o Estado español se opón a que os Mossos teñan conexión directa coa comunidade de intelixencia europea. Coa actual lexislación, é a Policía Nacional a única "xanela" pola que entra información sensíbel nesa materia procedente de Europa. O problema para Catalunya é que esa información logo non chega aos Mossos. A policía española fica con ela.

Isto explica por que os Mossos non puideron responder nada á policía belga cando foron consultados en relación aos movimentos de Es Satty. “Non tiñamos información do que se podía ter feito en 2005 nen en anos anteriores", dixo Trapero. "Pedíronnos información [os belgas], non se nos alertou de nada [por parte do Estado], simplesmente se pergunta e respondemos", acrecentou.

En todo caso, o major dos Mossos non quixo responsabilizar o Estado de ter coadxuvado á comisión do atentado coa súa ocultación de información: “Sería inxusto e deshonesto dicer que se tivésemos sabido que o imán foi investigado, teríamos evitado o atentado... Non o farei".