OMAR CONTRERAS

“En Chile continúan a gobernar os militares e a policía”

“En Chile continúan a gobernar os militares e a policía”
Manifestación nas rúas de Santiago de Chile, esta semana. Foto: twitter @LightstarFly
Manifestación nas rúas de Santiago de Chile, esta semana. Foto: twitter @LightstarFly  

A erupción do volcán chileno continúa tras unha semana de fortes protestas. A suba na tarifa do sistema público de transporte foi a isca que fixo prender as manifestacións e poñer contra as cordas o presidente Santiago Piñera, que a semana pasada decretou o estado de excepción e sacou o Exército ás rúas, mais o descontento na sociedade víñase acumulando de anos atrás. Falamos con Omar Contreras, exiliado na Galiza da ditadura chilena tras pasar polo cárcere, para debullar as claves do que está a acontecer nun país que se deu en coñecer como “a Suíza de América Latina”.


Omar Contreras Flores, activo dirixente universitario e sindical e membro de Izquierda Cristiana de Chile na década de 1970, foi presidente na Coruña e fundador en 1978 dos Comités de Solidariedade de América Latina (Cosal) na Galiza. Exiliouse no noso país - após pasar polo cárcere- da ditadura. O seu irmán, Iván, non correu a mesma sorte e foi un dos moitos homes e mulleres asasinados durante o golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 e os anos posteriores baixo a ditadura de Augusto Pinochet.

Contreras insiste nunha idea: en Chile hai unha “democracia entre comiñas” na que “a xente aínda ten medo a opinar” e na que “continúan a gobernar os militares e a policía”. “A ditadura -di-asegurouse mediante a represión de levar o medo á poboación”. Ao respecto, a modo de anécdota, relata as vicisitudes que desde 2015 teñen na súa cidade de orixe, á que viaxa unha vez ao ano, para instalar unha escultura en lembranza dos asasinados pola ditadura: “Nunha última xuntanza, o delegado do Goberno na provincia dixo que ía facer un último esforzo. Sabes o que fixo? Chamar á Policía, porque ao final é o xefe da Policía o que pode autoriza ou desautorizar a instalación da escultura na vía pública”.

Ademais, considera que a “total privatización” dos sectores produtivos chilenos está detrás da recente explosión de ira nas rúas, que ten contra as cordas o presidente Santiago Piñera. Este, despois de decretar a semana pasada o estado de excepción, a pasada cuarta feira, 24 de outubro, abandonou a retórica belicista, pediu “perdón” pola súa “falta de visión” política e anunciou melloras económicas. Porén, o Exército -de forma inédita en democracia- mantense nas rúas e esta pasada quinta feira. Xa van 18 mortos -confirmados polo Ministerio do Interior- desde o inicio da erupción das protestas, e o pobo mantense mobilizado. Esta quinta feira, co país en folga xeral, manifestouse masivamente polas rúas da capital, Santiago de Chile.

Chile ten boa prensa a nivel internacional. É a “Suíza de América Latina”. Por que esa boa prensa? Porque Chile foi o coello de Indias da implantación do neoliberalismo económico no mundo

A situación en Chile semella de máxima gravidade...

É gravísima. O presidente volveu á época da ditadura sacando os tanques á rúa para silenciar a protesta do pobo. Que diga nunha proclama pública ao pobo que “Chile está en guerra”... pero en guerra de que? Entregoulle o poder aos militares, facendo un estado de excepción, con toque de queda. Isto demostra que en Chile continúan a mandar os militares. Aínda que o dictador deixou o poder en 1990, continúan a gobernar os militares e a policía. E os gobernos que houbo despois da ditadura non foron quen de mudar a Constitución que deixou Pinochet . De aí arrincan todos estes problemas.

Ver os militares na rúa debe ser especialmente duro para a xente que viviu a ditadura?

Ningún outro Goberno ousou sacar aos militares á rúa. Mantíñanse nos cuarteis aínda que, insisto, mantendo o poder. Os presidentes chilenos están baixo as ordes dos militares. Hai unha democracia ente comillas. Unha democracia dependente das Forzas Armadas.

Mais, externamente, Chile goza -ou gozaba- dunha imaxe de “oasis” dentro da convulsa política latinoamericana...

A grande economía funciona, o que fai que a renda per capita en Chile sexa alta comparada cos países de América Latina. Mais a redistribución da riqueza é sumamente inxusta. É un dos países onde hai unha maior desigualdade social. Non pode ser que un catedrático de instituto se xubile e cobre 200 e pico euros. Cando un litro de leite non che vale menos dun euro nun supermercado. Isto víase que ía saltar en calquera momento, e fíxoo agora polo prezo do billete de metro. Durante a ditadura privatizouse todo e posteriormente non foron quen de recuperar, sobre todo, a educación e a sanidade, que son totalmente privadas. O que non paga nin estuda nin se cura.

Mais, logo por que a boa prensa?

Chile ten boa prensa a nivel internacional. É a “Suíza de América Latina”. Por que esa boa prensa? Porque Chile foi o coello de Indias da implantación do neoliberalismo económico no mundo. Tiveron que matar un presidente [Salvador Allende] e instaurar unha ditadura de 17 anos para poder aplicar un modelo económico metonímico da Escola de Chicago, que despois continuou Ronald Reagan nos EUA, Margaret Thatcher no Reino Unido, e foise extendendo por outros lugares non mundo. En Chile, os grandes grupos económicos teñen a posibilidade de facer negocio en todo, porque todo se privatizou. Todo o compraron. Poden tirar beneficio do país sen pagar un peso. Como non vai ter boa prensa e unha imaxe de éxito económico? As grandes multinacionais controlan as catro industrias que ten Chile: a forestal, o cobre, a pesca e a produción de froita e viño. Non hai ningunha empresa chilena, por exemplo, que controle a exportación de froita. A macroeconomía funciona.

"A renda per cápita anda polos 15 mil dólares, mais 70% dos traballadores chilenos gaña menos de 400 euros"

Mais a economía familiar non.

A renda per cápita anda polos 15 mil dólares, mais 70% dos traballadores chilenos gaña menos de 400 euros. E as pensións están entre os 200 e os 250 euros. Vivir en Chile é moi complicado porque é moi cara a vida. Os soldos son moi baixos e poden despedirte cando queren. Os bancos cobran intereses altísimos. O Santander, por exemplo, cobra 28% de interese por un crédito de consumo de 2.000 euros, cando noutros sitios non pasa de 2% anual. Aquí en Europa sería considerado unha estafa, mais alí en Chile é normal.

Outra que goza de boa prensa é a ex presidenta Michelle Bachelet, cando menos entre a socialdemocracia europea. Que parte de culpa ten en non afrontar as mudanzas necesarias durante o seu mandato?

Ninguén ousou modificar a Constitución nin poñerlle freo á autoridade dos militares. Bachelet tampouco fixo grandes mudanzas por medo aos militares. O Goberno de Bachelet fixo o que puido facer. Ou o que lle deixaron facer. Porque, doutra banda, temos unha gran parte da esquerda latinoamericana que existiu no seu momento, que estivo en Europa, e en Europa os seus dirixentes pasáronse á socialdemocracia. E a socialdemocracia europea impuxo a liña a seguir en América Latina. O Partido Socialista de Chile, por exemplo, non era socialdemócrata. Fíxose despois. Agora todos eses partidos son de centro-dereita, acomodáronse á economía de mercado.

Os medios chilenos veñen da época de Pinochet. 90% depende de dous grupos: o grupo de El Mercurio e o grupo de La Tercera, os dous de dereitas. Controlan toda a televisión, a radio e os xornais

E o papel dos medios de comunicación?

Os medios chilenos veñen da época de Pinochet. 90% depende de dous grupos: o grupo de El Mercurio e o grupo de La Tercera, os dous de dereitas. Controlan toda a televisión, a radio e os xornais, mentres que os medios de comunicación opositores no seu momento á ditadura, todos desapareceron, non queda nin un. Por temas económicos, fundamentalmente. Por outro lado, Piñera concedeu a máxima medalla de honor que hai en Chile para cidadáns estranxeiros, a Orde de Bernardo O'Higgins, en 2014, a Juan Luis Cebrián [fundador do diario español El País, e daquela presidente do Grupo Prisa] e ese mesmo ano nomeárono membro da Academia da Lingua en Chile. Por que será? Pois, por exemplo, porque todo o tema escolar da edición de libros de texto colleuno Santillana [editorial do Grupo Prisa].

Que evolución do conflito podemos agardar?

Teño as miñas dúbidas e preocúpame. Eu viaxo todos os anos a Chile e non vexo a ninguén que canalice ese descontento do pobo. O descontento xeral, de non se canalizar, desaparece co paso dos días. Ti non podes esperar que a xente saia todos os días a manifestarse. Iso cansa.