CONFLITO NO “OASIS” DE AMÉRICA LATINA

Chile: “Non é por 30 pesos, é por 30 anos”

Chile: “Non é por 30 pesos, é por 30 anos”
A pasada sexta feira produciuse unha histórica manifestación en Chile. Foto: Euopa Press
A pasada sexta feira produciuse unha histórica manifestación en Chile. Foto: Euopa Press  

Desde as 00.00 horas desta segunda feira, 28 de outubro, deixou de estar vixente o estado de emerxencia que durante dez días rexeu o país. Neste tempo, a mobilización nas rúas contra o presidente Sebastián Piñera foi constante. A pasada sexta feira, unha histórica mobilización obrigouno a recuar e anunciou o cesamento de todo o seu Gabinete ministerial. Mais as protestas continúan e as denuncias de violación dos dereitos humanos por parte dos militares e da Policía continúan. Falamos con dúas galegas que coñecen ben de perto o que alí está a acontecer.


Os vídeos e as imaxes que estes días corren polas redes sociais son nalgúns casos arrepiantes. Sempre tendo en conta a dificultade de verificar a súa autenticidade, a maioría non deixan lugar a dúbidas. Ademais, as testemuñas directas coinciden. Os milicos (militares) e os pacos (carabineros), a yuta, en xeral, está a cometer actos de violación dos dereitos humanos que traen duras lembranzas dos tempos da ditadura de Augusto Pinochet. O “oasis” chileno, a “Suíza de América Latina”, resultou ser un espellismo.

Falamos con María Quintana (nome ficticio, por medo a revelar a súa identidade) e con Sheila Fernández. A primeira é estudante de Comunicación Audiovisual na USC, residente este curso en Santiago de Chile, onde chegou cunha bolsa de estudos. Estes días viviu en primeira liña as revoltas -e as denuncias de tortura-. A segunda, doutora en Dereito, reside desde o pasado mes de febreiro en Alemaña, mais até o daquela e durante catro anos viviu en Chile, onde elaborou a súa tese doutoral. Fernández sabe perfectamente das desigualdades e dificultades que o pobo chileno padece e que levaron a esta explosión nas rúas.

Por que unha suba de 30 pesos no billete do metro leva a tanta xenreira desatada?

María Quintana: Como se pode ler en pintadas e carteis, “Non son 30 pesos, son 30 anos”. 30 anos desde que supostamente rematou a ditadura de Pinochet, pero que perpetúan a mesma constitución feita no seu réxime. 30 anos onde os abusos da clase dirixente non deixan de medrar, os ricos fanse máis ricos mentres o resto, simplemente, tenta sobrevivir. A suba no billete de metro púxolle o ramo a unha serie de longas demandas: a loita polas pensións; contra a privatización da sanidade, da educación, da auga, das estradas, do mar; a militarización, saqueo e asasinatos no territorio mapuche, o Wallmapu; contra o saqueo ao medio que provocan secas e monocultivos de aguacates, piñeiros, eucaliptos...

Sheila Fernández: Podía lerse estes días unha frase nas rúas chilenas que dicía “Non son 30 pesos, son 30 anos” para facer referencia a acumulación de factores sociais, económicos e políticos que sosteñen unha sociedade neoliberal imposta a ferro e sangue polo ditador Augusto Pinochet. Poño un exemplo, algo que aínda me parte o corazón: no Facebook aínda se ven eventos para recadar fondos para pagar facturas de saúde. Eis o xerme desta loita organizada, que, na miña opinión, non é unha xenreira desatada. Digo isto porque en catro anos en Santiago de Chile, se algo me ten marabillado, é a capacidade organizativa da sociedade. A súa experiencia de 30 anos. Aínda que esta saída a rúa masiva non estaba planificada, socialmente a xente contaba coa organización de base.

Que supón para o pobo chileno ver de volta os militares nas rúas?

M.Q.: Acabou por indignar a toda a poboación. Unha pésima estratexia do presidente que é a maior falta de respecto ao pobo chileno. Volven á retina todas as lembranzas das torturas, dos asasinatos, das desaparicións... Nos centos de vídeos e de testemuñas que circulan polas redes sociais vense estes mesmos abusos: militares disparando a persoas que non están a facer nada, corpos colgados, mozas que denuncian violacións, persoas desaparecidas... Atopouse mesmo un lugar de torturas debaixo da estación de metro da praza principal de Santiago de Chile, que está a ser investigado pola comisións de Dereitos Humanos. Non só en Santiago, todos estes crimes se estenden ao longo de todo o territorio chileno. Porén, a mocidade perdeu o medo, desafiando o toque de queda e organizando actividades culturais e comunitarias entre a veciñanza.

S.F.: Está en shock, é unha volta a un momento da historia moi presente porque existe un gran traballo de memoria histórica e reparación, especialmente se o comparamos co Reino de España. Para a mocidade, o Exercito na rúa é a confirmación de que o dereito ao voto non é sinónimo de vivir nun Estado onde os dereitos humanos sexan respectados. Lembremos que a Constitución vixente foi imposta durante a ditadura de Pinochet. O estado de emerxencia e o toque de queda foron fortemente cuestionados. No interior da Comisión de Dereitos Humanos, Nacionalidade e Cidadanía do Congreso, o avogado constitucionalista Jaime Bassa sinalou que “o que está a acontecer en Chile é violencia estatal de facto”.

Como é a situación da economía familiar en Chile?

M.Q.: Malia que Chile se presenta sempre como o país con maior PIB per capita de América Latina, a realidade é que os salarios baixos obrigan a poboación a endebedarse para poder vivir. A desigualdade é brutal. O experimento neoliberal non fixo máis que privatizar absolutamente todos os sectores. Por exemplo, non coñezo case ningunha estudante que non estea en débeda de por vida para pagar a universidade. As xubilacións non chegan para que as persoas maiores sobrevivan sen a axuda das familias. O saqueo por parte das grandes multinacionais está a deixar todo o Estado con seca e a despoxar os pobos orixinarios dos seus territorios. Un abuso que experimenta toda a poboación e que xeneraliza o descontento absoluto.

S.F.: Hai que ter en conta que Chile é un país moi grande, con diversos climas e cheo de recursos naturais que son explotados por empresas transnacionais onde mesmo a auga é privada. A pobreza neste territorio está a vista, especialmente en mulleres racializadas. O nivel de vida nas cidades é elevado, mais a xente ten ate tres traballos para chegar a fin de mes. As mulleres indíxenas ocupan traballos de limpeza nas casas dos barrios altos, de forma que existe unha migración interna tamén do campo a cidade. Non existe tampouco equidade de xénero, para que as mulleres brancas traballen fóra do fogar, entran as mulleres indíxenas e agora tamén estranxeiras a facer ese traballo. Outro exemplo, en Chile, cando vas a unha discoteca mesmo os cubatas os podes pagar en tres prazos. Moitas cousas pódense pagar ate a 36 prazos. Ademais, Chile sitúase entre os países mais desiguais do mundo.

Que culpa ten o goberno de Piñera na situación actual? E os anteriores?

M.Q.: Ao longo destes 30 anos só se puxeron parches. Bachelet, por exemplo, foi incapaz de cumprir coa promesa de facer pública a educación, e ademais aumentou a militarización e a represión no Wallmapu. E en canto ao Goberno actual, ficou clara a ineptitude total de Piñera, facendo terrorismo de Estado e reprimindo a protesta. No seu primeiro discurso tras o estalido desta insurrección popular, chegou a declarar a guerra aos manifestantes.

S.F.: Piñera e o seu Goberno teñen que dimitir en bloque. Os datos de asasinatos, violacións de dereitos humanos, torturas etc. fan que non poida continuar nin un minuto máis. E ningún país democrático debería asistir á Conferencia da ONU sobre cambio climático prevista para novembro. De Piñera, que xa gobernou anteriormente, non se agardaba outra cousa. Os Gobernos da Concertación e o ultimo da Nova Maioría, de coalición entre a esquerda e a socialdemocracia, puideron facer máis para reverter as políticas neoliberais.

Cal é o papel do estudantado nas protestas?

M.Q.: Existe unha longa tradición de loita estudantil en Chile. Foron os estudantes de Secundaria os que comezaron as protestas contra a suba do prezo do metro, convocando evasións masivas [entrar sen pagar], paralizando o metro e sumando a todos os sectores ás súas reivindicacións. Foron eles tamén os primeiros en sufrir a brutal represión por parte das forzas de seguridade, entre comiñas, e en estender a protesta ás rúas e a todo o país.

S.F.: Foi quen empezou. Aí está o xerme de todo este estalido social. O movemento estudantil en chile ten moito peso, levan décadas loitando polo dereito á educación pública. Está a xogar un papel moi importante na protestas, como na ditadura. É o estudantado que sae a rúa porque as súas nais ou pais non o poden facer ou porque as as condicións laborais ou de saúde non llelo permiten.