O 18º Congreso Nacional do PCCh traza as bases do rumbo de China para os vindeiros anos

O 18º Congreso Nacional do PCCh traza as bases do rumbo de China para os vindeiros anos
Vista do plenario do Congreso do PCCh
Vista do plenario do Congreso do PCCh  PCCh
O Congreso nacional do PCCh elixe na segunda metade de novembro a quinta xeración de dirixentes encargados de dar continuidade ao proxecto socialista chinés. Máis de dúas mil persoas participan como delegadas e elaborarán, xunto co Politburó do partido, as medidas e políticas que se implementarán en China nos vindeiros cinco anos. Entre elas, unha reforma financeira na rexión de Wenzhou.

O Partido Comunista Chinés, iniciou o pasado 8 de novembro o seu décimo oitavo Congreso en que elixirán á quinta xeración de dirixentes. Máis de dous mil [email protected] --a máis dos membros que compoñen o seu Politburó-- decidirán o futuro do país para os vindeiros anos.

O secretario xeral do PCCh, Hu Jintao, foi o encargado de dar apertura ao XVIII Congreso Nacional coa lectura dun relatorio en que salientou como unha das principais tarefas do Congreso, trazar un proxecto que sirva de guieiro ás medidas e políticas que se adoptarán no país nos vindeiros cinco anos. Neste senso, o PCCh continuará coa liña inciada a finais dos anos setenta por Deng Xiaoping.

As reformas económicas impulsadas por Xiaoping proxectáronse na reforma e abertura de China, sintetizada na célebre frase "un país, dous sistemas". Aliás crearía o concepto de "desenvolvemento científico" que guiará a planificación económica chinesa tamén no Congreso após a súa posta en marcha durante os últimos trinta anos. No entanto, tomando como prioridade a promoción do progreso nacional. "O tema do noso Congreso é liberar os nosos pensamentos, efectuar a reforma e apertura, reunir a nosa forza e superar as dificultades, para alén de persistir firmemente no camiño socialista con carácterísticas chinesas, co fin de construír unha sociedade modernamente confortábel", aseveraba Jintao no seu relatorio.

Porén, o proxecto chinés seguirá mantendo como "principio reitor", aseguraba o profesor Wang Weiguang membro do Comité Central do PCCh, "o pensamento de Mao Zedong", descartando así os rumores verquidos pola prensa occidental que afirmaba que as ideas do lexendario líder chinés serían borradas dos documentos oficiais do partido.

O futuro para o país

Hu Jintao, debullou no seu relatorio, as experiencias acumuladas durante os últimos trinta anos e avanzou que os acordos que se adoptarán no Congreso nacional prestarán maior atención ao lado humanitario, dando continuidade, dixo, "ao crecemento da economía, ao prefeccionamento da democracia, a mellora da vida da poboación, o respecto ao medio ambiente e a loita contra a corrución".

Aliás, salientou que o partido garantiría que "o pobo chinés" se manteña como soberano so seu territorio baseándose nos principios do marxismo-leninismo, o pensamento de Mao Zedong, a teoría de Deng Xiaoping e a tripla representatividade como descrición do papel que continuará a manter o partido na sociedade actual chinesa e na tarefa de modernización do Estado.

Neste senso, o secretario xeral do PCCh avanzou que están a preparar un plano piloto de reforma financeira, que se porá en marcha na rexión de Wenzhou, na provincia de Zhenjiang, cuxo obxectivo será a promoción e o desenvolvemento do capital privado nos bancos e institucións non financeiras locais, que pasarían a se constituír en sociedades anónimas. Wenzhou reúne dúas cidades satélites e seis áreas agrícolas que abranguen unha poboación de nove millóns de habitantes. 

Para pór en práctica a reforma, o Congreso elixirá na segunda quincena do mes os 25 membros que integran o Comité Central e os 9 integrantes do Comité Permanente.