XULIO RÍOS, DIRECTOR DO OBSERVATORIO DE POLÍTICA CHINESA

“Na China de Xi o Estado continúa ao mando da economía"

“Na China de Xi o Estado continúa ao mando da economía"
Xulio Ríos [Imaxe: Uxía Castro]
Xulio Ríos [Imaxe: Uxía Castro]  

Se ollamos China cos óculos occidentais non entenderemos nada. E se queremos entender algo sobre a evolución do xigante asiático non é má idea botarlle un ollo á obra de Xulio Ríos (Moaña, 1958), director do Observatorio de Política Chinesa. O seu último libro sobre a segunda potencia económica do globo é La China de Xi Jinping. A tese de fondo é que Xi tenciona completar o proceso de modernización do país, no plano económico, mais tamén no político. Eis un extracto da entrevista publicada no número 326 de Sermos Galiza.


2-Tes escrito unha ducia de libros sobre China. Iso convértete nun dos maiores expertos sobre o xigante asiático...


-Um, non o sei. O bonito de China é que estás sempre aprendendo. Eu sempre digo que é un mundo distinto. A política. A cultura. A historia. Non me considero en absoluto un experto. Xa sabes o que se di no tópico... cando un leva en China unha semana, quere escribir un libro; cando leva un mes, un ensaio breve; cando leva un ano, cústalle pasar da primeira liña [risos]. Eu son un pouco atrevido por ter escrito tanto, mais, bon, eu penso que este era un libro necesario.
 

-Que trazos distinguiría a China de Xi Jinping das anteriores?

-Basicamente, a idea central do libro é que China inicia o seu terceiro tempo, desde a proclamación por Mao no 49 da República Popular. Hai un primeiro tempo en que Mao di que pon a China en pé, nese 1949. Hai un segundo tempo, o do liderado de Deng Xiaoping, o do desenvolvimento da economía aos níveis que coñecemos, até chegar a ser a segunda potencia do mundo. E chegamos agora a un terceiro tempo, que se caracteriza porque ese impulso de Deng está practicamente esgotado e o que plantexa Xi é converter China nun país forte, moderno, a completar o ciclo da modernización. Iso implica unha axenda moi particular, alicerzada na mudanza do modelo de desenvolvimento económico. Trataríase de deixar de ser a fábrica do mundo para ir a un salto tecnolóxico con maior respecto ao medio ambiente sen descoidar a mellora das condicións de vida das populacións. E non só falo de mudanzas na esfera económica, tamén no papel internacional de China, na súa proxección ao exterior. Hai trazos moi significativos no mandato de Xi que dalgunha maneira caracterizan ese terceiro tempo do proceso iniciado en 1949.

-Era necesaria para o éxito desta nova fase a case entronización de Xi como emperador, coa supresión do límite de mandatos na Constitución?

-Pois probabelmente non. Ese é un dos temas que dalgunha maneira explican un certo desgaste interno da imaxe de Xi. 

-Estase a dar ese desgaste?

-Na miña modesta opinión, si. No mínimo iso é o que eu percibo cando visito o país. A mudanza que se produciu para eliminar o límite dos dous mandatos provocou certo incomodo e certa crítica interna. Hai un aspecto do período de Deng que ten que ver coa institucionalidade política. Aquela historia de procurar mecanismos que evitasen que o partido voltase a caer nas dinámicas das dúas liñas, etc, visando asegurar unha mínima estabilidade á hora de institucionalizar o funcionamento orgánico. Esa é a razón que explica a introdución no seu día do límite de mandatos, o de idade (se tes 67 anos podes seguir, se 68 tes que ir para casa), ou a designación cruzada dos máximos líderes, esa regra en función da cal eu non designo o meu sucesor, senón que o decide o meu antecesor, etc. Todos eses mecanismos están un pouco en cuestión, de acordo coa idea de que China nestes momentos vive unha etapa crucial e xógase o triunfo ou non de todo o proceso de modernización, para o cal precisaría un liderado forte, non un primus inter pares, senón un primus supra pares. Esa figura é a de Xi e o que está no ar é a institucionalidade de Deng, que en China sempre foi valorada como un salto cualitativo a respecto da época maoísta, porque viña regular os procesos de transición nos liderados, tradicionalmente dinámicas moi delicadas na tradición dos partidos comunistas. Este verán por primeira vez afloraron críticas públicas a Xi, mesmo en ámbitos académicos e partidarios, algo até agora bastante inaudito.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x