ANÁLISE

Cinco meses de Bolsonaro

Cinco meses de Bolsonaro
Bolsonaro e Rodrigo Maia, presidente da Cámara de Deputados
Bolsonaro e Rodrigo Maia, presidente da Cámara de Deputados  

Após cinco meses de presidencia de Jair Bolsonaro, as interrogantes e as contradicións do goberno brasileiro non deixan de medrar. Tampouco o fan as súas tensións internas. Paralelamente, a oposición e a esquerda teñen decidido reaccionar a través da mobilización social: avecíñanse uns meses quentes nas rúas do xigante suramericano. Eis un extracto da análise publicada no número 348 do semanario Sermos Galiza en papel.


4Van alá cinco meses desde o acceso á presidencia do Brasil de Jair Bolsonaro, e se desde o primeiro minuto observabamos o chamado “fenómeno Bolsonaro” como algo moi estraño que cualificabamos como un neofascismo, hoxe as interrogantes aumentan e as contradicións que aparecen cada día dan a entender que estamos diante de algo moito máis feble do que aparentaba. E non temos posibilidade de valorar aínda a súa acción de goberno, dado que se exceptuamos determinadas decisións e xestos en política internacional, pouco máis deron estes meses. Hai, si, moitas declaracións, proxectos e posicionamentos ideolóxicos reaccionarios, divulgados a golpe de redes sociais e grandes titulares.

Si podemos constatar unha mudanza moi importante na actitude da oposición, que tras meses de parálise semella tomar a iniciativa, saíndo á rúa e organizando multitude de mobilizacións contrarias ás propostas gobernamentais, mobilizacións que en participación están por riba das de 2015 e 2016, cando protestaban contra o goberno de Dilma Rousseff e foron un elemento moi importante na xustificación do impeachment (golpe de estado institucional) que a derrocou o 31 de agosto de 2016. Isto supón ademais un cambio importante de tendencia, despois de anos en que as rúas estaban ocupadas case exclusivamente por unha dereita que adoptou e empregou de xeito moi intelixente unha estratexia mobilizadora considerada patrimonio das organizacións políticas, sociais e sindicais da esquerda.

O 15 de maio houbo unha mobilización nacional en defensa da educación con grandes manifestacións en máis de 200 municipios de todo o país; para o vindeiro 14 de xuño hai prevista unha folga xeral convocada polas dez centrais sindicais brasileiras en contra da proposta de modificar as condicións de xubilación. E hoxe hai prevista unha nova mobilización en defensa do ensino.

Todos os ataques que, desde antes mesmo de tomar posesión, lanzou contra a educación Bolsonaro tiñan un claro contido ideolóxico, acusando o profesorado de fomentar o comunismo entre os estudantes, chamándoos a denunciar aos primeiros; propoñendo a eliminación das referencias á ditadura de 1964 nos libros para considerala unha acción necesaria para salvar o país; propoñendo a eliminación da Filosofía e da Socioloxía dos plans de estudos; defendendo que aos nenos e nenas hai que lles ensinar “respecto, disciplina, amor á patria, lectura, escrita e facer contas”, e o anuncio de recortes dun 30% no financiamento das universidades. Todo iso uniu a toda a comunidade educativa.

De saír adiante, a proposta de reforma da xubilación suporía a desaparición da posibilidade de xubilarse para a inmensa maioría dos brasileiros e brasileiras.

[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]