DIADA 2018

Clamor catalán en defensa da República e dos presos políticos

Clamor catalán en defensa da República e dos presos políticos
Imaxe da Diada 2018 en Barcelona. Foto: Nació Digital / Adrià Costa.
Imaxe da Diada 2018 en Barcelona. Foto: Nació Digital / Adrià Costa.  

A Diagonal de Barcelona volveu encherse un 11 de setembro. A Diada 2018 é xa un clamor en defensa da República e os presos políticos. As asistentes sobardan as rúas da capital catalá. As palabras de orde máis seguidas reclaman “independencia” e “liberdade presos políticos”.
 


Porque a Diada 2018 é a primeira despois do 1-O. Celébrase co ex president Carles Puigdemont exiliado en Bélxica e o ex vicepresident Oriol Junqueras, como outros cargos soberanistas, en prisión. Na cabeceira da manifestación que ocupa -máis que percorre, debido á elevadísima asistencia- Barcelona, o actual president Quim Torra e todo o seu Goberno, o presidente do Parlament Roger Torrent, familiares dos encarcerados e tamén os seus avogados.

BNG na Diada 2018

Os letrados tomaron a palabra no acto co que rematou a marcha. Tamén falaron representantes das dúas entidades convocantes, e motores sociais do Procés, Òmnium Cultural e Assemblea Nacional Catalana. “Anímovos a que non vos rindades e e fagades o que hai que facer: a República catalá. Visca Catalunya Lliure!”, arengou o científico alemán e membro de Foreign Friends of Catalonia [Amigos Estranxeiros de Catalunya] Thomas Schulze.

“Fem la República catalana” foi outro dos lemas máis repetidos e baixo o que se chamou á manifestación. Diversas conselleiras e conselleiros do Goberno da Generalitat portaban camisolas con el estampado. Unha “onda de son” ás 17.14 horas -xogo con 1714, data emblemática para o nacionalismo catalán- foi o punto álxido da mobilización: con ela derrubaron simbolicamente un muro ante o Palacio de Pedralbes.

A Guardia Urbana de Barcelona cifrou a asistencia nun millón de persoas. O independentismo, en calquera caso, parece non perder o pulso da rúa, un ano despois dos históricos feitos de 2017: o referendo do 1-0, a folga xeral de país dous días despois, a proclamación da República o 27 de outubro e a vaga de represión estatal posterior.

O BNG amosa “total apoio ao proceso soberanista catalán”


Unha delegación do BNG acudiu aos actos da Diada. Dela fixeron parte a eurodeputada Ana Miranda, o coordinador da área de Internacional Rubén Cela e o responsábel de Organización, Bieito Lobeira. “Amosamos no noso total apoio ao dereito do pobo catalán para decidir libremente e con todas a garantías a súa relación co Estado español a través dun referendo de autodeterminación”, expresou o Bloque nun comunicado, “e trasladamos a nosa solidariedade cos presos e presas políticas”.

Nota: delegación do BNG que participou nos actos da Diada 2018.



x