O clamor polo dereito á autodeterminación maniféstase en Bruxelas

O clamor polo dereito á autodeterminación maniféstase en Bruxelas
Delegación galega
Delegación galega  

Arredor de 25.000 persoas participaron, segundo a organización, na manifestación convocada na mañá deste domingo día 30 en Bruxelas polo dereito dos pobos á autodeterminación. A candidata nacionalista Ana Miranda encabezaba a delegación galega. 


Na manifestacion reclamouse que as institucións europeas garantan o dereito dos pobos á súa autodeterminación, recollido, entre outros acordos internacionais na Carta das Nacións Unidas, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos ou na propia resolución 2625 da ONU. A manifestación forma parte dunha campaña na que se recolleron milleiros de sinaturas de apoio á autodeterminación das nacións de Europa. Na marcha participaron nacións que están a desenvolver procesos de reivindicación soberanísimas como Catalunya, Escocia, Flandes ou Gales. De maneira especial, representantes do nacionalismo catalán e escocés reafirmaron a súa vontade de convocar os referendos pola independencia. A manifestación estaba convocada pola Comisión Internacional de Cidadáns Europeos. 

Rede Mundial polos Dereitos dos Pobos 

 A delegación galega participará esta a segunda feira día 31 no Parlamento europeo na asemblea da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da que a Fundación Galiza Sempre é cofundadora. Á xuntanza, ademais de representantes de organizacións nacionalistas de Córcega, Bretaña, Escocia, Euskal Herria, Gales, Cornualles,, Países Cataláns, Kurdistán e o pobo Amazigh. 

Na Asemblea Xeral estarán tamén presente a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e as reivindicacións das nacións sen estado. A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos ten como obxectivo poñer en contacto os movementos políticos de nacións de todo o mundo para construír un fronte común en defensa dos seus dereitos a nivel internacional. 

Nesta xuntanza discutirase a posibilidade de “establecer unha estratexia conxunta de diplomacia pública internacional das Nacións sen estado, co obxectivo de intervir fronte a organismos internacionais como a UE e a ONU”. No horizonte do debate están os referendos de autodeterminación convocados en Escocia e Cataluña.