ELECCIÓNS EN PORTUGAL O 6 DE OUTUBRO

Clarescuros da 'geringonça'

Clarescuros da 'geringonça'
António Costa na Assembleia da República
António Costa na Assembleia da República  Foto: RTP

Logo dun progresivo avance na conquista de benestar económico e de dereitos sociais, o Goberno portugués afronta o seu peor momento xusto ás portas das eleccións lexislativas deste domingo, 6 de outubro.


En 2016 foi elixida como 'palavra do ano' entre dez candidatas propostas pola Porto Editora. A geringonça (unha chambonada ou unha chafallada, que se di ao Norte do Miño) foi o termo acuñado polo intelectual lisboeta Vasco Pulido Valente e que se popularizou para designar o acordo programático das tres forzas da esquerda parlamentar tralas eleccións lexislativas de 2015.

Neses comicios, gañados pola coalición de dereitas Portugal á Frente (PSD-CDS) pero sen a maioría suficiente para poder formar Goberno, o Partido Socialista liderou a mudanza no Executivo portugués grazas ao apoio do Bloco de Esquerdas (BE) e da Coligação Democrática Unitária (CDU), conformada polo Partido Comunista Português e o Partido Ecologista Os Verdes. Unha alianza que semellaba sería imposíbel, mais que aritmeticamente daba unha maioría estábel: 122 das 230 cadeiras da Assembleia da República.

E a chambonada ou geringonça, contra todo prognóstico, comezou a funcionar e a ser louvada por todo o continente. Máis aínda logo de completar o pagamento da débeda ao FMI a finais de 2018 (28 mil millóns de euros, en total). Eis os datos: o salario mínimo, conxelado en 2014 en 485 euros (14 pagamentos), pasou aos 600 de 2019; o desemprego, situado nun 12% a finais de 2015, baixou até o 6,3% neste ano (aínda que conta cun 22% de poboación emigrada); o déficit público supoñía en 2015 un 4,4% do PIB e agora está próximo ao 0%; e o crecemento do PIB foi progresivo ano tras ano (2016, 1,4%; 2017, 2,7%) até chegar ao 2018 no que sufriu un lixeiro descenso (2,1%).

Este último dato non é casualidade. O período de bonanza foi produto de varios factores tales como a mellora nas exportacións e na demanda interna, a suba do consumo provocada por un crecemento do emprego no sector servizos ou o bo momento dos seus socios comerciais (o mercado español é o seu principal exportador e importador). Porén neste último ano -de aí o 2,1%- produciuse un parón debido á desaceleración das vendas ao exterior.

Verán quente

O PS, na liña do seu socio español, xogou en varias ocasións a dúas bandas, poñendo unha vea a Deus e outra ao diaño. Tal e como salienta Manuel Mera no número 365 do Sermos, os socialistas pactaron coa dereita unha reforma laboral tendo en fronte ao BE, ao PCP e a Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses - Intersindical Nacional (CGTP-IN). Ademais, anunciou en plena campaña unha medida electoralista como é a baixada do prezo da electricidade, iso si, reducindo o IVE e non afectando os lucros das empresas (co que esa rebaixa de ingresos terase que compensar dalgunha outra maneira).

Mais o peor momento da geringonça, co PS á cabeza, chegou no esprinte final de cara á eleccións deste domingo. En pleno verán, o primeiro ministro, António Costa, mesmo tivo que recorrer ao Exército para garantir o abastecemento das gasolineiras, e as manifestacións polo acceso á vivenda multiplicáronse nos últimos meses. Apenas houbo medidas que contrarrestasen as leis do anterior Executivo de centro-dereita de Pedro Passos Coelho (2011-2015) a favor dos arrendadores e de compañías como AirBnB.

Alén disto, a recuperación económica tampouco serviu substancialmente para mellorar as condicións de vida dos portugueses, senón para reducir o déficit e a débeda. Mantense a precariedade e estáncase o poder adquisitivo dos traballadores tanto do sector público como do privado. Unha queixa que están a remarcar tanto o BE como o PCP na campaña electoral que remata esta sexta.

Incógnitas

A dúbida está en saber se no electorado pesarán o domingo máis os claros que os escuros, e neste último caso se fará culpábel o PS e cómplices o BE e o PCP. Os socialistas queren deixar atrás a geringonça e lograren unha maioría ampla para poder desfacerse da voz da conciencia sobre o seu ombro esquerdo, mentres que os partidos do centro-dereita aspiran a recuperar posicións e asaltar o goberno. Tralo sorpasso do BE ao PCP hai catro anos está por ver quen ficará en segunda posición desta volta. Quizais a chave estea na abstención: en 2005 foi de 35%; en 2009, de 40%; en 2011, de 42%, e nas últimas de 2015, de 44%.