Colau, disposta a aceptar os votos de Valls para ser alcaldesa

Colau, disposta a aceptar os votos de Valls para ser alcaldesa
Manuel Valls, durante a campaña
Manuel Valls, durante a campaña  

Barcelona en Comú gobernará a capital catalá cos tres votos de quen durante a campaña xulgou como o candidato das elites da cidade, o ex primeiro ministro francés Manuel Valls. Abocada a elixir entre ERC e PSC —ou máis ben entre ser alcaldesa ou vice-alcaldesa—, Colau opta por se apoiar no partido liderado por Miquel Iceta para manter o bastón de mando.


Quinta feira. Reúnese a dirección de Barcelona en Comú en vésperas da asemblea que a confluencia vai realizar esta sexta. Na orde do día, decidir se Ada Colau dá o paso de presentar a súa candidatura á reelección, a pesar de o 26M ter sido superada nas urnas por Ernest Maragall por apenas 4 mil votos [empataron en número de concelleiras, 10].

A cúpula de BeC resolveu que Colau si opte á alcaldía, o que virtualmente lle permitirá reter o bastón de mando da cidade o próximo 15X, día en que se constitúen os concellos no estado. Todo indica que a súa candidatura obterá a maioría absoluta dos votos ao conseguir o apoio dos 8 escanos do PSC de Jaume Collbony e os 3 dun Manuel Valls que se escindiría así de Ciudadanos .

A tese de BeC é que Colau se postula para a reelección ao ter fracasado a vía dun goberno tripartito progresista, vetado por ERC. Esquerra argumenta que non se pode considerar progresista un executivo que integraría un dos partidos do 155, en alusión ao PSC. O apoio dos de Iceta á intervención do autogoberno catalán foi un dos argumentos que levou BeC a rachar no pasado mandato o executivo de coalición co partido socialista.

Non vai ser un pacto doado para Colau. Primeiro, porque a líder de BeC se vai ter que desdicir do afirmado durante a campaña —nunha entrevista en NacióDigital dixo que nunca pactaría con Valls nen entraría en ningunha operación para vetar o acceso de Maragall á alcaldía. Segundo, porque o PSC, fortalecido o 26M, pedirá máis poder no goberno municipal do que detentou no anterior mandato. Collbony aspirará a ser unha sorte de vicealcalde.

O pacto lastra tamén as opcións do espazo confluente nas vindeiras eleccións catalás, que Quim Torra podería adiantar se, como todo indica, a sentenza contra os presos independentistas se salda cunha condena de varios anos de prisión. É evidente que un acordo con Valls minguaría os apoios que o mundo de Colau aínda mantén en círculos soberanistas.