A ESTRATEXIA DO EXECUTIVO CATALÁN PRESERVA O PAPEL DE PUIGDEMONT, QUE CONTINÚA EN BRUXELAS

Comeza na AN e no Supremo o xuízo político contra o Govern e a Mesa do Parlament

Comeza na AN e no Supremo o xuízo político contra o Govern e a Mesa do Parlament
Junqueras, no momento de chegar á Audiencia Nacional [Foto: NacióDigital]
Junqueras, no momento de chegar á Audiencia Nacional [Foto: NacióDigital]  

Xa está no interior da Audiencia Nacional Oriol Junqueras, vicepresident do Govern, quen terá que prestar declaración sob a acusación de ter cometido delitos de rebelión e sedición, gravemente penados. Non estará só, canda el tomarán parte nestas dilixencias 7 consellers. O Govern aplica a estratexia decidida o mesmo día, sexta feira 27-O, en que o Parlament declarou a independencia e o Estado activou o 155.


Na Audiencia Nacional serán xulgados os membros do Govern formalmente destituídos polo Consello de Ministros español, ao teren perdido así a súa condición de aforados, en tanto que, ao manter ese estatus especial, os membros da Mesa que autorizaron a votación da DUI -a comezar pola presidenta da cámara, Carme Forcadell- declararán perante o Tribunal Supremo.

A estratexia do Govern é que parte do executivo acudise á chamada da xuíz, en tanto que Puigdemont e 4 consellers se mantivesen en Bruxelas. Denúnciase así por unha banda o carácter político do xuízo e presérvase o rol do president como altofalante da socialización internacional do conflito, tarefa moito máis doada de acometer se se fai desde a capital da Unión Europea.

Este movimento táctico pode, alén do máis, perseguir que Junqueras e o resto dos consellers que si comparecen esta quinta feira podan participar na campaña eleitoral do 21-D, sempre e cando a xuíza non dicte contra eles unha medida cautelar que resulte na súa prisión incondicional, tal e como fixo a Audiencia Nacional cos líderes da ANC e Òmnium Cultural, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.

Terá difícil argumentar a xuíza o risco de fuga no caso de Junqueras e os demais membros do Govern -ben como o de Forcadell e os integrantes da Mesa-, sendo que é obvio que tomaron un vieiro distinto ao de Puigdemont.

Non hai violencia

O xuízo ten un marcado carácter politico, sendo que os cargos que se imputan a Puigdemont e ao resto do Govern non se sosteñen de pé, como teñen sustentado un bon feixe de xuristas e até o ponente da reforma do código penal de 1995 -en concreto do seu artigo 472, delito de rebelión-.

O artigo 472 é moi explícito ao acotar o delito de rebelión a quen se alce "violenta e publicamente" para conseguir determinados fins, entre eles o da declaración de independencia.

É evidente que na sesión do 27-O en que se produciu a DUI en ningún momento nen Puigdemont nen o resto de membros do seu gabinete utilizaron a violencia. Tampouco cabería a imputación por sedición porque non ten habido ningunha incitación aos tumultos para subverter a legalidade española, sendo que as mobilizacións independentistas se teñen conducido por vieiros absolutamente pacíficos.