A Comisión europea aproba o pagamento a Turquía para que free o paso de [email protected]

A Comisión europea aproba o pagamento a Turquía para que free o paso de [email protected]
Encontro entre as autoridades comunitarias e turcas [Imaxe Consello europeo]
Encontro entre as autoridades comunitarias e turcas [Imaxe Consello europeo]  

Serán 3.000 millóns de euros a repartir entre os Estados membros. Entretanto, as negociacións de paz na Siria paralízanse.


A Unión Europea aprobou o pagamento de 3.000 millóns de euros a Turquía para que o país, un dos principais puntos de entrada das persoas refuxiadas ao territorio comunitario-- free o acceso. 

O montante será financiado nunha parte polas institucións comunitarias (1.000 millóns) e polos Estados membros en función do seu PIB, segundo informou o Consello da UE nun comunicado de imprensa. Neste senso, Alemaña aportará 427,5 millóns, o Reino Unido 327,6 millóns, Franza 309,2 millóns, Italia 224,9 millóns e o Estado español 152,8 millóns. 

Os Estados membros farán as súas aportacións en función do PIB, o Estado español asumirá 152,8 millóns de euros

O obxectivo da Unión é achegar "axuda humanitaria adicional aos refuxiados de Turquía e ás súas comunidades de acollida" para cubrir "necesidades inmediatas". "Traballamos continuamente para conter o fluxo de migrantes a Europa. Os acordos entre a UE e Turquía son unha parte vital disto", dixo o primeiro ministro holandés, Mark Rutte, quen asume a presidencia temporal do Consello da UE. 

Aliás, as intencións comunitarias son permitir que as persoas deslocadas forzosamente poidan "estar máis perto dos seus fogares", acrecentou o comisario de Veciñanza e Negociacións de Ampliación, Johannes Hahn. 

As institucións europeas queren "conter o fluxo de migrantes" garantindo que non saian de Turquía

As conversas desenvolvidas entre a Bruxelas e Ankara nos últimos meses visan non só executar este pagamento senón mesmo desbloquear e acelerar o proceso de adhesión de Turquía á comunidade, unha cuestión demorada no tempo perante as críticas ao goberno do país e a vulneración de dereitos fundamentais da poboación, nomeadamente curda, contra a que despregou unha ofensiva militar desde finais de 2015 asasinando centos de civís, militantes políticos e activistas de dereitos humanos. 

Conversas suspensas na Siria 

Entretanto, as negociacións para procurar unha saída política ao conflito na Siria ficaron suspensas esta cuarta feira (3 de febreiro) apenas tres días após comezar en Xenebra. 

Baixo o paraugas das Nacións Unidas e dos EUA reuníronse representantes do goberno sirio e das forzas da oposición que lideran o denominado exército rebelde mais durante os primeiros encontros tan só abordaron o procedemento a seguir no decorrer das conversas. 

Poderían volver sentar á mesa o 25 de febreiro

Desde a ONU aseguran que as negociacións poderían reanudarse --ese sería o compromiso das partes-- o 25 de febreiro. As razóns polas que ficaron paralizadas son diversas, porén, todo apuntaría a que o avanzo do exército sirio, axudado polas forzas militares rusas, en Alepo tería condicionado a situación. Neste senso, faccións do exército rebelde terían presionado a súa parte negociadora para que afriase as conversas. 

Desde o goberno de Bashar Al-Assad e o Ministerio de Exteriores ruso advirten que non cesarán no seu avanzo agora que conseguiron rachar o asedio que mantiña a Fronte Al-Nusra (organización terrorista vencellada a Al-Qaeda) sobre determinadas comunidades chíitas de Alepo.