O Comité Olímpico Europeo recoñece o dereito das deportistas de Feroe a competir baixo a súa bandeira

O Comité Olímpico Europeo recoñece o dereito das deportistas de Feroe a competir baixo a súa bandeira

As illas Feroe son un territorio autónomo baixo soberanía do Reino de Dinamarca. Cun forte movemento soberanista, este territorio leva 40 anos demandando o seu recoñecemento olímpico como país con dereito a competir. 

 


Situadas entre Escocia, Noruega e Islandia, as Feroe son un arquipélago de 18 illas (17 delas habitadas) de 1.400 quilómetros cadrados onde viven apenas 50.000 persoas, 20.000 delas en Tornshaven, a capital, e a súa contorna. Son un área autónoma mais pertencente ao Reino de Dinamarca, nunha situación similar á de Groenlandia.

O Comité Olímpico Europeo (CEO) non recoñece as Illas Feroe mais nunha decisión recente acepta que os e as atletas feroeses poderán competir en deportes onde as illas teñen un órgano recoñecido. “Isto significa que os atletas feroeses poderán competir este verán nos Xogos Europeos de Minsk en tiro con arco, badminton, xudo e tenis de mesa”. Indica o goberno deste territorio. O vicepresidente da Confederación de Deportes e Comité Olímpico das Illas Feroe (FCSOC), Jon Heystoy, está satisfeito coa decisión do CEO.

"Este é un avance moi positivo e un enorme alivio para os nosos atletas que se estiveron preparando para competir nas súas respectivas modalidades nos Xogos europeos ", dixo. "Cremos que esta decisión representa un fito máis no noso percorrido para ser mundialmente recoñecidos polo movemento deportivo internacional, incluído o Comité Olímpico Internacional, que terá un profundo impacto nos nosos atletas e o desenvolvemento do deporte nas Illas Feroe".

As Illas Feroe comezaron a facer campaña polo recoñecemento olímpico hai máis de corenta anos. Aínda que non teñen recoñecemento ao Comitér Olímpico Internacional (COI), as Illas Feroe son membros fundadores do Comité Paralímpico Internacional e participaron en todos os Xogos Paralímpicos estivais desde 1984.

Independencia proclamada e anulada por Dinamarca

As Feroe levan baixo dominio de Dinamarca, con breves irrupcións, desde 1.388. Non foi unha relación amistosa, O Parlamento das Feroe (Løgting) foi suspendido ou abolido en varias ocasións, como en 1856; e o idioma e cultura propias das illas foron marxinadas pola lexislación imposta desde Copenhage.

En setembro de 1946 realizouse un referendo, consulta na que os votos a prol da independencia representaron o 50,8% dos emitidos fronte ao 49,2% de sufraxios partidarios de seguir en Dinamarca. As Feroe declararon a independencia o 18 de setemgro, mais dous días despois Dinamarca anulou a declaración.

En 1948 as Feroe obtiveron un auto-goberno que daba competencias ao goberno autónomo sobre diferentes eidos. En virtude desta autonomía, as Illas Feroe decidiron en referendo non facer parte da Unión Europea.

Nas eleccións lexislativas que decorreron en 2015 os partidos independentistas atinxiron 19 dos 33 escanos do Parlamento, propiciando un novo escenario electoral: derrota da dereita e posibilidades de goberno cunha coligazón entre centro-esquerda dinamarqués e independentistas.



x