Conclúe sen acordos a segunda cimeira Trump-Kim pola negativa dos EUA a levantar as sancións

Conclúe sen acordos a segunda cimeira Trump-Kim pola negativa dos EUA a levantar as sancións
Trump e Kim en Hanoi
Trump e Kim en Hanoi  

Moita retórica amical e cordial e poucas noces. A segunda cimeira entre Donald Trump e Kim Jong-un acabou esta quinta feira, en Hanoi, sen que os líderes asinasen ningún acordo. A clave, a negativa dos EUA a acceder a que, como pretendía Pyongyang, se levantasen as sancións interpostas por Washington contra Corea do Norte polo seu programa nuclear. "Non achamos que fose boa idea asinar nada", dixo Trump.


Pyongyang transmitiu con clareza aos EUA a seguinte idea: estaban en disposición de avanzar na desnuclearización se Washington suspendía as sancións. Washington non moveu ficha nese sentido. O secretario de estado norteamericano e ex director da CIA, Mike Pompeo, atribuíu o relativo fracaso da cimeira —a non asinatura dun acordo formal— a que "Kim non estaba preparado".

En realidade, o que non quería facer Pyongyang é asinar nada que non implicase unha mudanza cualitativa no estado das relacións entre ambos países. E non habería mellor mudanza para os intereses norcoreanos que o levantamento das sancións, que claramente danan a súa economía [tal e como acontece coas que sofre Venezuela].

"Basicamente eles querían que levantasemos as sancións na súa integridade, mais nós non podemos facer iso. Ás veces hai que andar o camiño", explicou Trump aos meios destacados en Hanoi.

A estratexia do presidente norteamericano é presentar Kim como un dirixente político co que se pode simpatizar (o inquilino da Casa Branca tamén se gaba de ter moi boa química na relación persoal co líder chinés Xi Jinping). Dixo que ambos países, a pesar de teren sistemas políticos e económicos ben distintos, podían acabar sendo "bos amigos".

A cimeira produciu unha escena histórica, a de Kim a responder por vez primeira as perguntas dun xornalista occidental, durante un posado fotogáfico. O líder norcoreano foi interpelado por David Nakamura, enviado especial de The Washington Post, sobre as expectativas coas que afrontaba o seu segundo encontro con Trump. "Teño a sensación de que podemos obter bos resultados", contestou.

Mais os resultados ficaron aquén das expectativas. Os líderes retiráronse antes do tempo axendado aos seus respectivos hoteis. Final abrupto da cimeira, trombetearon os enviados especiais desprazados a Hanoi.

-



x