“O presidente debe render contas”: o Congreso de EUA lanza o 'impeachment' de Trump

“O presidente debe render contas”: o Congreso de EUA lanza o 'impeachment' de Trump
Donald Trump
Donald Trump  

“Ninguén está por riba da lei”, manifestou a presidenta da Cámara estadounidense, Nancy Pelosi, do Partido Demócrata.


A presidenta da Cámara de Representantes do Congreso dos Estados Unidos, Nancy Pelosi, deu un discurso na noite desta terza feira para anunciar que se abría unha investigación para iniciar os trámites de destitución (impeachment) do presidente, Donald Trump.

“O presidente debe render contas. Ninguén está por riba da lei”, dixo Pelosi desde o Capitolio após acusar Trump de violar a lei e traizoar o seu xuramento de fidelidade á Constitución ao empregar os seus poderes para presionar un goberno estranxeiro, o de Ucraína, para investigar un rival político, Joe Biden.

“Estados Unidos enfróntase a un momento grave”, afirmou a presidenta do Congreso na súa intervención. Donald Trump xa respondeu desde as redes sociais desde Nova York, onde participa na Asemblea Xeral da ONU. “Acoso ao presidente!”, escribiu no seu Twitter.

O procedemento pode acabar coa destitución do presidente mais fai falla o apoio do Senado e este está controlado polos republicanos. A decisión de iniciar o 'impeachment' tampouco convence a todos os demócratas, pois unha parte deste partido considera que ese paso vai acabar en nada (pola maioría republicana no Senado) e porén vai dividir máis os estadounidenses.

De feito, unha enquisa recente publicada por un medio de EUA indicaba que apenas 37% dos estadounidenses está a favor deste paso.