NOVO EPISODIO NA CRISE ETERNA DE EN MAREA

Consumada a ruptura co bloque independentista e sen orzamentos, Sánchez sopesa o adianto electoral

Consumada a ruptura co bloque independentista e sen orzamentos, Sánchez sopesa o adianto electoral
Pedro Sánchez bica a ministra de Facenda, María Jesús Montero, ao termo da súa intervención
Pedro Sánchez bica a ministra de Facenda, María Jesús Montero, ao termo da súa intervención  

Esta cuarta feira unha insólita confluencia á hora de premer o botón (Cs e PP por un lado, ERC e PDeCAT polo outro) tombou os orzamentos pactados por PSOE e Podemos. O Goberno Sánchez apenas ten oxíxeno para continuar. O debate esgazou aínda máis En Marea: só Alexandra Fernández tomou nota da directriz da cúpula do partido instrumental e votou contra as contas. O resto votou os orzamentos porque viu unha mudanza no discurso da Moncloa sobre os investimentos na Galiza.


Na democracia española só hai un precedente dun congreso a rexeitar os orzamentos. Foi en 1995, cando a CiU de Jordi Pujol virou as costas a un PSOE castigado pola crise económica e a corrupción. Aquilo acabou en eleccións e na chegada do PP de Aznar ao poder. Desta volta, o rechazo ás contas pactadas por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias coloca na axenda o verosímil escenario do adianto electoral. Neste momento a data que ten máis forza nos cálculos da Moncloa é o domingo 28 de abril.

A sorte estaba botada desde o momento en que, primeiro ERC e despois o PDeCAT, o bloque independentista catalán rexistara as súas emendas á totalidade, con petición de devolución. A Moncloa tentara á desesperada un último intento para salvar as contas coa confusa proposta de propor un relator —eufemismo de mediador— nunha mesa de partidos políticos cataláns. Mais esa non era unha concesión suficiente para un soberanismo que está a ver como a fiscalía —que en último termo depende organicamente do executivo— continúa a esgrimir os cargos de rebelión e sedición contra os seus líderes encarcerados.

Sen o apoio das forzas soberanistas que viabilizaron en xuño de 2018 a moción de censura que tombou Raxoi —daquela a alianza era máis contra o PP do que a favor dun programa alternativo conxunto—, as contas non podían saír adiante e as emendas de devolución foron aprobadas con 191 votos a favor, 151 en contra e 1 abstención. Foron en van as tentativas de acordo de última hora protagonizadas por Podemos e PNV, en boa parte porque para o independentismo un acordo co goberno neste momento non sería entendido polas súas bases no mesmo momento en que a fiscalía utiliza todas as súas armas contra Oriol Junqueras e o resto de persoas acusadas.

En Marea, fraccionada

O combate orzamentario saldouse cun dano colateral, o producido nunha En Marea que xa é de por si un campo de minas. O grupo non foi quen de manter a unidade á hora de votar e fraccionouse: Alexandra Fernández votou non, tal e como demandaba a dirección orgánica da confluencia, mentres o resto do grupo —Yolanda Díaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez—optou por respaldar as contas.

O grupo de En Marea no Congreso formulara críticas aos orzamentos polas súas aplicacións concretas na Galiza, caracterizadas por unha forte baixa nos investimentos. Houbo conversas co goberno para os mellorar. O seu contido non convenceu nen a dirección galega nen a Alexandra Fernández —que acharon razóns para apoiar as emendas á totalidade—mais si ao grupo liderado por unha Yolanda Díaz que, en representación do conxunto de Unidos Podemos, tivo un moi destacado papel na mesa de negociación dos aspectos xerais, non territorializados, dos orzamentos.

O episodio revela en todo caso a profundidade da fractura no seo da confluencia galega.



x